O Sergas lanza unha enquisa para participar no I Plan de igualdade

A Administración sanitaria quere coñecer as opinións e percepcións do persoal en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na organización, mediante unha enquisa consensuada con sindicatos

Os resultados desta consulta axudarán a deseñar o I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde que se está a elaborar na Comisión de Igualdade

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2021

No día de hoxe, e coincidindo co Día Internacional da Muller, o Servizo Galego de Saúde pon en marcha unha enquisa para coñecer a opinión do seu persoal respecto á igualdade de xénero na organización. A enquisa está consensuada na Comisión de Igualdade entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, co fin de afondar no diagnóstico cualitativo en materia de igualdade entre mulleres e homes.

Esta consulta, que estará dispoñible desde hoxe e ata o día 31 de maio, permitirá coñecer as percepcións dos profesionais sobre aspectos relacionados coa conciliación e corresponsabilidade, co acceso á formación, coa promoción profesional ou con condutas discriminatorias, entre outras cuestións. Incluirá tamén opcións para poder recoller as opinións sobre medidas concretas sobre a igualdade de xénero. Tanto o anonimato como a confidencialidade das respostas está garantida.

A participación do persoal nesta enquisa é moi importante xa que os resultados que se acaden incidirán no deseño das medidas incluídas nas liñas estratéxicas que se recollen no I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde que se está a elaborar. Entre os obxectivos principais do Plan está a optimización das políticas de persoal a través da integración da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como principio básico e transversal nas políticas de persoal a organización e, particularmente, na súa xestión.

Esta iniciativa amosa novamente o compromiso do Sergas a prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nunha organización integrada maioritariamente por mulleres, que representan o 78% do persoal. É especialmente significativa ademais, nun momento no que a crise xerada pola pandemia da covid-19 leva situando aos sectores relacionados cos coidados ás persoas no centro da mesma e ás mulleres na primeira liña de resposta á esta enfermidade.

Imaxes relacionadas