A rúa Marcelo Macías, en Ourense, rexistrará ao longo do día de mañá un corte de tráfico para avanzar nas obras de acondicionamento impulsadas pola Xunta

Para acometer un cruce de calzada para a canalización de abastecemento é preciso o corte de tráfico entre a glorieta do Olivo e a intersección coa Avda. de Portugal

A circulación só estará permitida aos residentes nese tramo, para accións de carga e descarga e os vehículos de emerxencia, que sairán pola rúa Vázquez Núñez

Estas actuacións sumadas á conexión ata o viaduto e a colocación da tubaxe baixo o taboleiro suporán o remate da reposición da rede de abastecemento en toda a rúa
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2021

A rúa Marcelo Macías, en Ourense, rexistrará ao longo do día de mañá un corte de tráfico para avanzar nas actuacións de acondicionamento que está a executar a Xunta.

A duración destes traballos é dun día, polo que se prevé que o tráfico quede restablecido a última hora da tarde do mesmo luns.

Os traballos de renovación da rúa Marcelo Macías continúan avanzando coa execución mañá dun cruzamento de calzada para unha canalización de abastecemento na intersección coa Avenida de Portugal.

Para poder acometer esta intervención é preciso o peche da circulación desde a glorieta do Olivo ata a intersección coa Avenida de Portugal, en sentido de entrada á cidade, tanto para o tráfico xeral como para os autobuses urbanos.

A circulación nesta rúa só estará permitida para os residentes nese tramo, para accións de carga e descarga e para os vehículos de emerxencia, que deberán saír pola rúa Vázquez Núñez.

Estas actuacións sumadas ás da conexión ata o viaduto e a colocación da tubaxe baixo o taboleiro suporán o remate da reposición da rede de abastecemento en toda a rúa.

Cómpre lembrar que desde o venres xa está aberto á circulación o ramal de acceso desde a glorieta da Valenzá, área na que se realizaron traballos dunha nova rede de abastecemento ou da mellora do alumeado, da parada de bus e das beirarrúas.


A Xunta está a investir 1,7 millóns de euros no acondicionamento de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías.
As obras consisten na renovación e mellora do pavimento, os sinais, as beirarrúas ou os pasos de peóns, así como as redes de abastecemento e de saneamento e o alumeado público. A actuación inclúe, ademais, traballos de mantemento e conservación no viaduto sobre o río Barbaña e o reforzo da seguridade viaria da rúa, cun total de 7 pasos de peóns elevados coa fin de reducir a velocidade dos vehículos e protexer aos viandantes.