O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza co alcalde deste concello para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños

A Xunta comezará en breve os traballos de adecuación no exterior do Centro integral para a loita contra o lume de Toén

Tras proceder á limpeza de biomasa nos arredores do centro, as seguintes actuacións pasarán pola adecuación do peche e das pistas de adestramento, así como unha análise estrutural das instalacións

Ambos dirixentes analizaron tamén o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea modelo de Trelle, publicado recentemente no Diario oficial de Galicia e que aposta pola gandaría en extensivo e pola plantación de árbores froiteiras

No tocante ás infraestruturas rurais, o concello de Toén recibiu entre os anos 2020 e 2021 case 100.000 euros para a mellora das principais vías de comunicación

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Toén, Ricardo González, para analizar os traballos que se levarán a cabo no Centro integral para a loita contra o lume, que se ubicará no antigo hospital deste concello ourensán.

Así, José González sinalou que tras proceder á limpeza de biomasa nos arredores do centro, as seguintes actuacións pasarán pola adecuación das pistas de adestramento, xa que neste campus forestal centralizarase a formación teórico-práctica do persoal dedicado á loita contra os lumes forestais.

Ademais, trasladoulle o conselleiro, procederase á análise estrutural e á adecuación do peche do recinto. Todos estes traballo, insistiu José González, pretenden converter este centro nun referente na loita contra os incendios para que bombeiros forestais procedentes de toda Europa poidan levar a cabo prácticas formativas e reforzar os seus coñecementos en materia de prevención e extinción, ao contar cos maiores especialistas no comportamento e na análise dos incendios. Con todo, o conselleiro insistiu en que este campus permitirá tamén dar a coñecer este municipio e dinamizar a súa contorna.

Neste senso, o titular de Medio Rural lembroulle ao rexedor que estas dependencias constituirán o eixe central do Plan de Formación programado para os efectivos de prevención e extinción, tal e como contempla a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Noutra orde de cousas, ambos dirixentes analizaron o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea modelo de Trelle, publicada recentemente no Diario oficial de Galicia. A través dela, todos aqueles interesados poden consultar os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nesta aldea modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Concretamente, nesta zona apóstase pola gandaría en extensivo como uso principal e pola plantación de árbores froiteiras como uso secundario.

Sobre isto, o conselleiro destacou que as aldeas modelo supoñen a obtención dun rendemento económico tanto para os propietarios dos terreos –que conservan a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa explotación. Neste senso, a aldea modelo de Trelle comprende 649 parcelas de 176 propietarios e unha superficie de case 30 hectáreas.

Por último, trataron o estado das infraestruturas rurais para mellorar a calidade de vida dos veciños. Neste senso, José González salientou que no pasado exercicio executáronse a través do Programa de Infraestruturas Rurais (PIR) obras de adecuación no acceso a varias explotacións agrarias da parroquia de Moreiras, por un orzamento de case 50.000 euros. Ademais, o titular de Medio Rural lembroulle que no Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello de Toén conta cunha achega de algo máis de 41.000 euros para levar a cabo actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto traballos que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño.

Mediante estas achegas que xestiona a Consellería do Medio Rural, tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural