A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Triacastela rubricaron a convenio que permite a licitación das obras

Medio Ambiente e Triacastela mellorarán o estado da Avenida Camilo José Cela e Ramal 1

Trátase dunha actuación do Plan Hurbe, polo que a Xunta sume o 70% do importe necesario

Tamén en materia de urbanismo, o Plan Básico Municipal de Triacastela inicia o seu período de información pública

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Triacastela veñen de formalizar o convenio de colaboración que permite a mellora de varias rúas do municipio. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a execución deste traballos que consistirán no acondicionamento e mellora da marxe dereita da Avenida Camilo José Cela e o Ramal 1.

Tal e como se recolle no texto do convenio, a actuación implica un orzamento de case 50.000 euros, dos que a Xunta achegará un 70%; mentres que o Concello o 30% restante (14.975 euros).

Tras a sinatura do convenio, a Consellería xa pode licitar as obras e o concello, pola súa banda, ten que comprometerse a poñer a disposición os terreos, libres de cargas e gravames. Outra das obrigas que asume a administración local é conservar as mesmas, unha vez as reciba.

Cómpre recordar que esta actuación é un proxecto que se leva a cabo ao abeiro do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno galego en 2010, co obxectivo de apoiar ás entidades locais en accións que contribúan a humanizar e incrementar os seus espazos de uso público, promovendo á vez o reequilibrio territorial; ao tempo que se contribúe na posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración económica coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos, e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños.

A conselleira salientou que esta liña de actuación se manterá no vindeiro ano, exercicio para o que se disporán máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións en municipios e contornas urbanas.

Avances no Plan Básico Municipal

En materia de urbanismo, a Consellería de Medio Ambiente tamén avanza na tramitación do Plan Básico Municipal de Tricastela, que vén de iniciar o período de información publica onte iniciou a información pública deste instrumento de ordenación pensado para dotar aos concellos de menos de 5.000 habitantes dunha ferramenta básica que lles garanta un crecemento e desenvolvemento ordenado.

Así, durante os próximos dous meses, os interesados poderán achegar as consideracións e alegacións que consideren. A documentación poderá examinarse en horario de oficina, con cita previa, e presentar alegacións nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Lugo ou no propio Concello de Triacastela. Así mesmo, tamén poderá consultarse o documento na web da Consellería e achegarse por vía telemática as referidas achegas a través do correo sxurb@xunta.gal.

A tramitación deste primeiro Plan Básico Municipal (PBM) enmárcase no esforzo realizado na última década pola Xunta de cara a acadar o obxectivo de dotar a Galicia dun urbanismo sostible e responsable e protexer a paisaxe. Así, desde o ano 2009 aprobáronse instrumentos normativos e medidas para avanzar neste reto como as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral, ou a Estratexia da Paisaxe Galega ou o Plan Básico Autonómico; e dotouse á comunidade dunha nova Lei do Solo e mais recentemente da Lei de Ordenación do Territorio.

Imaxes relacionadas