O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presenta a nova edición desta iniciativa acompañado pola directora de Turismo de Galicia

A Xunta abre unha nova convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 dotada con 3M€

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto durante un mes a partir do luns e os proxectos deberán executarse antes do 15 de decembro de 2021

A Xunta incrementa o esforzo orzamentario para este programa co obxectivo apoiar ao sector cultural ao tempo que se configura unha oferta en galego de calidade

Na primeira edición programáronse a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 preto de 400 actuacións escénicas ou musicais

A medida está enmarcada no Plan de reactivación cultural que o Goberno galego vén de ampliar cunha nova inxección de 23M€ nestes primeiros meses do ano

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 cun incremento no seu orzamento ata os 3M€. Trátase dun programa impulsado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de Reactivación cultural co obxectivo de apoiar ao tecido cultural e inxectar liquidez nas empresas ao tempo que se configura unha oferta en galego, ampla, plural e de calidade.

O titular de Cultura, que estivo acompañado por representantes do seu equipo e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mostrouse convencido de que esta nova edición “continuará funcionando como un dos piares básicos da reactivación cultural”. Así, precisou que na primeira convocatoria “programáronse a través deste fondo preto de 400 actuacións escénicas ou musicais”. “Estou seguro de que nesta segunda edición a acollida por parte dos profesionais do sector tamén será moi boa”, afirmou Román Rodríguez.

Neste senso, o conselleiro explicou que o prazo para participar na edición dada a coñecer hoxe abrirá o luns e estará operativo durante un mes. “Este continúa sendo un momento moi delicado para o sector cultural e agardamos que con este novo impulso as empresas e creadores poidan empezar a traballar xa e aproveitar a tempada de primavera e verán”, subliñou. Así, destacou que o principal obxectivo do fondo “é dar a posibilidade a profesionais e empresas galegos de traballar e producir os seus proxectos en condicións especiais sen ter que deixalos aparcados” e, á vez, facilitar o acceso á cultura a toda a cidadanía con fin de que poidan gozar das distintas expresións tanto en liña como de xeito presencial.

Apoio inmediato a empresas e autónomos

Nesta nova convocatoria, como novidade, incrementarase en 500.000€ o orzamento asignado, chegando así a unha dotación total de 3M€. Ademais, tamén se incrementa a axuda que poden conseguir os beneficiarios, pasando de 10.000€ a 15.000€ no caso de empresas, cooperativas, autónomos con persoal contratado ou entidade sen ánimo de lucro con persoal contratado, e de 4.000€ a 6.000€ no caso dos autónomos sen empregados e empresas unipersoais. Outra das novidades deste ano é a diminución nos prazos de presentación co obxectivo de ofrecer un apoio inmediato ao sector e inxectar liquidez nas empresas o antes posible.

Proxectos presenciais, virtuais e materiais

Tal e como ocorreu na primeira edición, poderán acceder a esta convocatoria todas as ramas do sector cultural con proxectos presenciais, virtuais, materiais ou unha combinación de varias opcións que se vaian realizar antes do 15 de decembro de 2021. Todo isto coa finalidade de favorecer a adquisición de creacións dixitais orixinais e inéditas, a realización de espectáculos, representacións teatrais e actividades de pequeno formato e a compra de materiais de diferente índole.

O repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego apoiou máis de 350 iniciativas de empresas e profesionais do sector na súa primeira edición. Trátase dunha medida que se puxo en marcha ao abeiro do Plan de reactivación cultural que desde o inicio da pandemia promoveu a posta en marcha de 4.500 iniciativas e que o Goberno galego vén de ampliar cunha nova inxección de 23M€ nestes primeiros meses que
repercuten nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.

Un 27,4% máis de orzamento

Este novo investimento permitirá continuar avanzando xunto co sector para salvar o emprego e manter a industria cultural, da que dependen directamente en Galicia 30.000 profesionais e as súas familias. Este compromiso compleméntase co incremento do 27,4% nos orzamentos da Xunta destinados a este fin de xeito que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade dedique en 2021 máis de 94 millóns de euros para a cultura de Galicia, o que supón 20 millóns de euros máis que o ano anterior.

Imaxes relacionadas