A conselleira do Mar participou hoxe no acto de entrega do I Premio Muller Salgada

Rosa Quintana apela á unidade para reivindicar e visibilizar o papel feminino no mundo do mar

Sinalou que o Premio Muller Salgada é para todas as mulleres que deron un paso adiante por Galicia e que contribuíron a mellorar as condicións profesionais e socioeconómicas de todo o colectivo

Boiro (A Coruña), 6 de marzo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe a importancia da unidade feminina para reivindicar e visibilizar o papel da muller no mundo do mar. Así o expuxo durante o acto de entrega do I Premio Muller Salgada, creado pola Asociación de Mulleres do Mar de Arousa e concedido á armadora Raquel Souto. Alí a titular de Mar tamén salientou o valor de iniciativas como a deste recoñecemento, que vai máis alá do traballo, o esforzo, a experiencia e o coñecemento do sector dunha muller.

Ademais a conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, sinalou que o Premio Muller Salgada é “para todas as mulleres solidarias, positivas e valentes que deron un paso adiante polas súas familias, por elas mesmas e por Galicia”. “Compañeiras que traballaron onte e hoxe para mellorar as condicións profesionais e socioeconómicas de todo o colectivo”, engadiu.

Nesta liña referiuse á galardoada como unha boa mostra de todos eses valores e recoñeceu o seu labor e a responsabilidade que demostrou traballando desde moi nova e tamén durante o seu cargo como patroa maior da confraría de Cabo de Cruz. Ademais a conselleira puxo a Raquel Souto como exemplo de boa xestión, compañeirismo e valentía e salientou o seu esforzo diario e constante que se suma aos exemplos “de moitas mulleres descoñecidas, que pelexaron polos nosos dereitos, pola igualdade e por un traballo digno”.

O Premio Muller Salgada é unha iniciativa creada pola Asociación de Mulleres do Mar de Arousa con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. Ten como obxectivo homenaxear o rol feminino dentro do sector marítimo-pesqueiro que contribuíu de xeito activo ao seu desenvolvemento e progreso aportando traballo e esforzo para a mellora das condicións profesionais, económicas e sociais do sector pesqueiro. Nesta primeira edición a homenaxeada é Raquel Souto, que comezou a traballar como mariscadora a flote da confraría de pescadores de Cabo de Cruz, foi patroa maior desta entidade entre o 2014 e o 2018 e na actualidade é armadora.

A Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, da que parte este recoñecemento, naceu en 2017 para reivindicar e visibilizar o papel activo das mulleres vinculadas ao mundo do mar na zona das Rías Baixas. Na actualidade conta cunhas 1.500 socias entre traballadoras, confrarías e outros colectivos.

Imaxes relacionadas