Fernández-Tapias avanza a licitación das obras de restauración da portada da igrexa de Santiago no Concello de Cangas

A delegada territorial en Vigo e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, visitaron o templo, no que a Xunta actuará este ano

A intervención neste ben cultural conta cun orzamento de preto de 90.000 euros co obxectivo de resolver os problemas provocados pola acción da humidade

A actuación nesta igrexa, cuxa portada foi realizada en 1585, enmárcase no importante compromiso da Xunta de pór en valor o patrimonio cultural galego
 

Cangas (Pontevedra), 6 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de restauración da portada da igrexa de Santiago no Concello de Cangas. Así o anunciaron hoxe nunha visita ao templo a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua. Unha intervención que, detallaron, ten como obxectivo resolver os problemas provocados pola acción da humidade.

Así, cun orzamento de preto de 90.000 euros, os traballos previstos na portada, realizada en 1585 na última etapa do Renacemento en Galicia, pretenden reparar os danos causados polo desaugadoiro de augas pluviais, principal vía de entrada neste momento. O pavimento do atrio, con lousas de granito e xuntas de cemento, dificulta a evaporación das augas do subsolo, que ascende por capilaridade polas zonas baixas, presentando así o templo un estado de conservación delicado.

Por tanto, o groso da intervención centrarase nas alteracións descritas, acometendo os traballos de restauración necesarios para solucionar as patoloxías detectadas. O obxectivo final é a posta en valor deste ben cultural para que poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sustentable e a promoción socio cultural, laboral e económica do ámbito territorial no que se atopa, aplicando criterios e políticas de actuación que persigan, ademais, o desenvolvemento local, a creación ou promoción do emprego e o respecto polo medio ambiente.

Aposta decidida en Patrimonio

A actuación levada a cabo en Cangas enmárcase no importante compromiso por parte da Administración autonómica desde o punto de vista do patrimonio cultural. Así, nos últimos meses puxéronse en marcha diferentes actuacións na provincia de Pontevedra entre as que se inclúe, ademais da igrexa de Santo Estevo de Negros, adxudicada en xaneiro cun orzamento de máis de 55.000 euros; a restauración da igrexa de Santa María de Baiona, rematada recentemente e que contou cun investimento de 455.000 euros; ou a rehabilitación da igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia, prevista para este ano.

Imaxes relacionadas