A Xunta destaca en Boiro a importancia económica do oficio tradicional da carpintería de ribeira

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou xunto coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, as instalacións do obradoiro artesanal Asteleiros Triñanes, especializado desde hai máis de 40 anos na construción naval en madeira

A carpintería de ribeira foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 2019 e constitúe un sector con gran potencial comercial tanto para actividades profesionais como de lecer

Asteleiros Triñanes resultou finalista do Premio Nacional de Artesanía 2012 e forma parte da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari)

Boiro (A Coruña), 6 de marzo de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta semana en Boiro as instalacións do obradoiro Asteleiros Triñanes, unha carpintería de ribeira con máis de 40 anos de traxectoria que forma parte da marca Artesanía de Galicia. Durante a súa visita, na que estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, Manuel Heredia destacou a relevancia da carpintería de ribeira como un dos oficios artesanais con maior tradición, ao tempo que conta cun gran potencial comercial tanto para actividades profesionais, como a pesca ou a acuicultura, como para actividades de lecer.

Asteleiros Triñanes é unha empresa artesanal que basea o seu traballo na aplicación de novas técnicas de construción naval en madeira e na utilización das últimas tecnoloxías, co obxectivo de ofrecer embarcacións modernas, eficaces, seguras e de alta calidade. Estas técnicas máis innovadoras conviven cos procedementos artesanais e co emprego da madeira como materia prima principal, que fan da carpintería de ribeira unha actividade ecolóxica e cun impacto case nulo nas emisións de CO2. Asteleiros Triñanes é unha empresa cunha traxectoria consolidada no sector da construción naval en madeira e resultou finalista do Premio Nacional de Artesanía 2012.

O director xeral tamén puxo en valor o traballo da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), da que Asteleiros Triñanes forma parte, por manter a tradición artesanal da construción naval en madeira e por contribuír ao sostemento dunha importante industria. Agalcari conta con 20 estaleiros asociados, dos que 10 son carpinterías de ribeira artesanais inscritas na marca Artesanía de Galicia. A carpintería de ribeira é un oficio tradicional que forma parte do patrimonio inmaterial e da cultura marítima galega, e que foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2019.