Estas tarefas forman parte das intervencións que se veñen realizando nas estradas autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Xunta inicia a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en distintas estradas das provincias de Ourense e de Lugo mentres proseguen as tarefas nas da Coruña e Pontevedra

Comezan as limpezas e rozas na OU-540, ao seu paso polos municipios de Ourense, Celanova, Verea, Bande, Lobeira e Lobios; e tamén na OU-121, no Barco de Valdeorras e A Veiga

Seguirán os labores na OU-531, nos concellos de Cortegada, Trasmiras, Celanova, Vilar de Santos e Xinzo de Limia

Na provincia de Lugo está programada a intervención na estrada LU-530, en Lugo e Castroverde

Continuarán as tarefas na VG.-1.2 na zona entre Vilar de Colo-Mugardos, na provincia da Coruña; e na de Pontevedra, na vía de alta capacidade CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, e na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía

As intervencións potencian o efecto cortalumes das estradas, aumentan a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentan unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en tres estradas autonómicas, dúas na provincia de Ourense e nunha da de Lugo. Ao tempo continuarase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas vías das provincias da Coruña e de Pontevedra.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, comezarán os traballos nas estradas OU-540, ao seu paso polas localidades de Ourense, Celanova, Verea, Bande, Lobeira e Lobios; así como na OU-121, no Barco de Valdeorras e A Veiga. Proseguirán os labores, ademais, na OU-531, nos municipios de Cortegada, Trasmiras, Celanova, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

Na provincia de Lugo, están programados o inicio dos traballos na estrada LU-530, en Lugo e Castroverde

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, na estrada que une Ares e Mugardos.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán tamén os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas