Medio Ambiente estudará vías de colaboración co concello de Val do Dubra en materia urbanística e de rehabilitación

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse por videoconferencia co rexedor José Manuel Varela para abordar varios proxectos de interese municipal

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda analizará a posibilidade de colaborar co Concello de Val do Dubra (A Coruña) na execución dalgún proxecto urbanístico e de mellora de equipamentos que contribúa a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Así o acordaron a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor José Manuel Varela durante unha reunión por videoconferencia na que abordaron este e outros asuntos de interese municipal.

En concreto, o alcalde de Val do Dubra explicou que o Concello traballa nun proxecto que podería encaixar nos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa a través do cal a Xunta leva máis dunha década colaborando coas entidades locais na execución dun total de 317 intervencións urbanísticas cun investimento de case 150 millóns de euros co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

Neste sentido, Ángeles Vázquez confirmoulle que o seu departamento seguirá apostando por esta liña de colaboración cos concellos e indicou que nos orzamentos de 2021 ten reservados máis de 7,4 millóns a actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Así, unha parte destes fondos destinarase a financiar proxectos a través de convenios no marco do Plan Hurbe, e a outra, á convocatoria dunha orde de axudas para crear ou mellorar as infraestruturas en concellos con menos de 20.000 habitantes, axudas que, segundo adiantou, sairán publicadas este mes de marzo cunha dotación de 2,3 millóns.

Demandas en materia residencial

Noutra orde de asuntos, o alcalde tamén lle trasladou á conselleira o seu interese na creación dunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) no municipio, unha figura que naceu no ano 1996 para identificar ámbitos de intervención delimitados nos que se prevé a rehabilitación de edificios e de vivendas polos seus propietarios, a execución de obras de urbanización ou reurbanización de espazos públicos por parte dos concellos interesados e, de ser o caso, a construción de edificios ou vivendas en substitución doutros demolidos.

A este respecto, a conselleira explicoulle que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) encárgase de tramitar e declarar as novas ARI, previa solicitude dos concellos interesados, polo que emprazou ao rexedor a poñerse en contacto con este organismo para coñecer os requisitos e todos os pasos a seguir.

Imaxes relacionadas