A actuación coincide coa execución das sendas peonís na OU-537, en San Cibrao das viñas, e na OU-536, na Derrasa, que supoñen un investimento de máis de 970.000€

A Xunta adxudica as obras de renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais na estrada OU-536 no núcleo urbano da Derrasa, no concello do Pereiro de Aguiar

Nas vindeiras semanas iniciaranse os traballos, contratados por un investimento de preto de 50.000 euros, que contan cun prazo de execución de 2 meses

Actuarase nun treito de aproximadamente 100 metros, entre os puntos quilométricos 7+950 e 8+050, na marxe esquerda da estrada OU-536

A actuación permite adiantar a renovación das conducións hidráulicas e evitar ter que levantar o pavimento da senda en execución no futuro

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as traballos de renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais no núcleo urbano da Derrasa, no concello do Pereiro de Aguiar.

Os traballos, que empezarán nas vindeiras semanas, foron adxudicados por un investimento de preto de 50.000 euros á empresa Obras y Saneamientos Galicia S.L.,. Esta actuación conta cun prazo de execución estimado de 2 meses.

A actuación prevista centrarase na renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais no citado núcleo urbano, nun treito de aproximadamente 100 metros, entre os puntos quilométricos 7+950 e 8+050, na marxe esquerda da estrada OU-536.

A intervención quere aproveitar os traballos en estado de execución das sendas peonís na estrada OU-537, en San Cibrao das viñas, e na OU-536, na Derrasa, nos que a Xunta está a investir máis de 970.000 euros.

Con este novo contrato, aténdese unha solicitude do Concello do Pereiro de Aguiar, para que no marco da obra da senda, se adiante a renovación das conducións hidráulicas, o que permitirá non ter que levantar o pavimento da senda no futuro.

A intervención

No que se refire ao saneamento, a actual rede de colectores, que é unitaria para augas fecais a pluviais, pasará a ser separativa, excitándose as conducións que independicen ambos sistemas. Desta maneira, optimizarase o rendemento da depuradora da Derrasa.

Substituiranse as conducións de fibrocemento existentes de abastecemento de auga, por unha nova condución de polietileno de diámetro 90 mm.

Para acometer a obra será necesario cruzar baixo a estrada mediante unha perforación dirixida.