Política Social mellora as capacidades laborais de máis de 200 persoas en situación ou risco de exclusión

Entre mediados de xaneiro e final de febreiro desenvolvéronse 27 accións formativas en diferentes concellos

Estes cursos enmárcanse na Estratexia de Inclusión Social de Galicia

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia desenvolveu desde mediados de xaneiro ata finais de febreiro un total de 27 cursos nos que participaron máis de 200 persoas en situación ou risco de exclusión social que son atendidas polos Equipos Comarcais de Inclusión Sociolaboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Estas accións formativas englóbanse na Estratexia de Inclusión Social de Galicia e están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

Os cursos, que se celebraron nunha vintena de municipios, tiveron por obxecto aumentar as capacidades laborais do alumnado para mellorar as súas oportunidades de emprego. En concreto, impartíronse trece modalidades diferentes: camareira/o de pisos (nas localidades de Melide e O Carballiño); elaboración de conservas vexetais (no Barco de Valdeorras e A Rúa); empregada/o de produción conserveira (en Boiro e Ribeira); limpeza de superficies e mobiliarios en edificios e locais (en Melide e Noia); manipulación de alimentos (nos concellos de Palas de Rei, Noia, Ponteareas, Redondela, Caldas de Reis e Ribeira); mindfulness (no Barco de Valdeorras); operador/a de carretilla elevadora (en Ponteareas, Ames, Redondela e Ribadavia); prevención de riscos laborais na construción (nos municipios de Vilagarcía de Arousa, Carballo e Ferrol); prevención de riscos laborais común básico (en Barbadás); prevención de riscos laborais na albanelería (en Carballo); reparacións básicas e mantemento no fogar (no concello da Rúa); técnicas de venda á clientela (en Becerreá); e teleoperador/a (na localidade de Barbadás).

Todos os cursos realizáronse garantindo en todo momento as medidas de prevención e recomendacións fronte á covid-19.

Oficinas comarcais

A Xunta, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, conta na actualidade con 18 oficinas comarcais de inclusión sociolaboral distribuídas por toda Galicia, ás que se suman outros dous equipos ao abeiro do programa Nelson Mandela, que operan nos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama.

Estes equipos ofrecen ás persoas en situación ou risco de exclusión social un conxunto de actuacións e intervencións no ámbito das competencias persoais e sociolaborais por medio de itinerarios personalizados, sempre desde unha visión interdisciplinar e coordinada cos servizos sociais de cada concello.

Imaxes relacionadas