Galicia e outras rexións da área atlántica debaterán a próxima semana sobre as oportunidades e ameazas da produción de berberecho

O martes 9, o mércores 10 e o venres 12 de marzo varios expertos exporán diferentes resultados do proxecto europeo Cockles na conferencia final da iniciativa, que se celebrará de xeito virtual

Na segunda sesión do evento presentarase o ‘Inventario de parasitos e enfermidades do berberecho Cerastoderma edule’, elaborado no seo desta iniciativa coa participación de investigadores da Consellería do Mar
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

Galicia e outras rexións da Área Atlántica debaterán a vindeira semana sobre as oportunidades e ameazas da produción de berberecho no marco da conferencia final virtual do proxecto europeo Cockles, Cooperación para a recuperación das pesqueiras de berberechos e os seus servizos ambientais na Área Atlántica. Esta iniciativa está coordinada pola Fundación Cetmar co apoio do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependentes da Consellería do Mar, e naceu no 2017 co obxectivo de recuperar e aumentar a produción de berberecho así como os servizos que este molusco proporciona nas rexións do Espazo Atlántico da Unión Europea.

A conferencia final do evento comezará o 9 de marzo a partir das 09:00 horas, xornada na que un investigador do CIMA ofrecerá unha conferencia sobre o sistema inmune do berberecho e os patóxenos que poden afectar a este molusco como a marteiliose (totalmente inocua para o ser humano). Ademais un técnico da Universidade de Santiago de Compostela falará sobre a diversidade xenética do berberecho no Espazo Atlántico. Ese día tamén haberá intervencións de expertos das universidades de Cork, Burdeos, Caen (Normandía) e Bangor (Gales) nas que se tratarán temas como a distribución e dinámicas de poboación do berberecho e o papel que esta especie ten no ecosistema, entre outros.

No segundo día, mércores 10, o representante do CIMA participante nesta conferencia falará sobre a restauración dos leitos de berberecho e o caso de Galicia e a do Cetmar abordará a integración dos contidos novos e os existentes sobre o berberecho nun visor que permitirá atopar sobre mapas toda a información asociada á súa localización xeográfica. Ademais, o representante da USC sobre as oportunidades da selección para a resistencia ás enfermidades que afectan a este molusco. Nela tamén participarán expertos da Universidade de Lisboa, do Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA), do Centro de Ecoloxía e Hidroloxía do Reino Unido e da Universidade de Burdeos.

Neste segundo día tamén se presentará o Inventario de parasitos e enfermidades do berberecho Cerastoderma edule, elaborado no seo do proxecto Cockles coa participación de investigadores do CIMA. Esta publicación proporciona información sobre todos os parasitos e enfermidades coñecidas do berberecho, utilizando un formato sintético e didáctico coa intención de que sexa útil aos profesionais do marisqueo, xestores do marisqueo e do medio ambiente, investigadores e a calquera persoa interesada.

Por último, o venres 12 de marzo realizarase unha actividade especial para colexios. Nela o equipo de Cockles conectarase con algunhas escolas de España, Irlanda, Reino Unido, Francia e Portugal para presentar os materiais educativos producidos polo proxecto. Haberá catro salas virtuais dispoñibles para as presentacións en español, inglés, portugués e francés. Este día tamén se celebrará unha rolda de prensa virtual para os medios de comunicación do Espazo Atlántico.

Os detalles das sesións desta conferencia final de Cockles poden consultarse no programa que está dispoñible na web do proxecto neste enlace, no que aquelas persoas que estean interesadas en asistir ao evento tamén poden atopar información para rexistrarse.

Cockles

O proxecto Cockles está financiado polo programa Interreg e parte da base de que o berberecho proporciona beneficios ambientais, socioeconómicos e culturais significativos ás comunidades costeiras dos países implicados na iniciativa, que son España, Portugal, Francia, Reino Unido e Irlanda.

Ten como obxectivo recuperar a produción e os servizos que proporciona o berberecho ás rexións citadas e nel, ademais do Cetmar, o CIMA e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), dependentes da Consellería do Mar, participan outros socios galegos como a Universidade de Santiago de Compostela, a Consellería de Medio Ambiente e a Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados.

 

Imaxes relacionadas