A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias cun novo videoclip no marco da programación das Letras Galegas da Xunta de Galicia

A formación feminina lanza hoxe a peza 'Intempériome', coa colaboración da Consellería de Cultura, nas vésperas do 8M e con motivo do 59º aniversario do nacemento da autora á que a RAG lle dedica o 17 de maio

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañounas na rolda de prensa de presentación
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia colabora no novo videoclip Intempériome, pertencente ao EP Hasme oír que prepara A banda da Loba en homenaxe á poeta sarriá no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021 dedicadas a Xela Arias. Nas vésperas da celebración do 8M e con motivo do 59º aniversario do nacemento da escritora, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolleu hoxe a rolda de prensa de presentación, na que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

“Celebramos unha autora intensa de vocación feminista, transgresora e pioneira, tanto na estética como na poética, unha muller que de seguro se sentiría identificada e correspondida no tributo destas cinco voces talentosas e creativas que xa ocupan un lugar de seu no eido da música máis actual cantada en lingua galega”, destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. No acto participaron tamén as compoñentes da formación, Xiana Lastra, Andrea Porto, Marcela Porto, Inés Mirás e Estela Rodríguez; Amparo Castaño, Lois Arias e Darío Gil, nai, irmán e fillo da autora, respectivamente; e o director da Biblioteca Ánxel Casal, Jesus Torres.

Adianto do disco

A peza Intempériome é o videoclip dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella.

O videoclip pertence ao EP Hasme oír, un novo traballo de A banda da Loba en homenaxe a Xela Arias que verá a luz no mes de abril coa colaboración da Xunta de Galicia, no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021.

A banda da Loba adoida musicalizar poemas das figuras máis representativas da nosa cultura. No seu último disco, Fábrica de Luz, xa se aproximaran á obra de Xela Arias coa canción Tigres coma cabalos, un bolero que tamén aparecerá no novo traballo, esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo. Hasme oír será polo tanto unha homenaxe máis coidada e precisa. Conterá catro cancións, unha por cada poemario: Intempériome, Darío a diario, Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.

Imaxes relacionadas