O conselleiro de Cultura participa hoxe na inauguración da exposición en homenaxe ao ilustrador Manuel Ayaso que pode visitarse ata o mes de maio

Román Rodríguez avanza que a Xunta reforzará o seu apoio á formación da escola taller do Museo do Gravado de Ribeira

Dáse resposta a unha demanda do centro museístico e permitirá completar o ensino do alumnado de Belas Artes e os estudosos do gravado

Salienta a contribución do Museo ao impulso da cultura con exposicións como a que se vén de inaugurar dun dos máis destacados debuxantes galegos

Puxo de manifesto o compromiso coas dotacións e equipamentos culturais de Galicia que se reflicte na nova Lei de Museos e un incremento orzamentario do 12%
 

Ribeira (A Coruña), 5 de marzo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe un reforzo do apoio da Xunta ao Museo do Gravado de Ribeira que suporá o impulso da súa escola taller para complementar a formación do alumnado de Belas Artes e os estudosos do gravado e reforzar a súa Biblioteca Ilustrada.

Así o manifestou hoxe durante a inauguración da exposición en homenaxe ao ilustrador Manuel Ayaso, un dos máis destacados debuxantes galegos natural da parroquia de Aguiño, en Ribeira. Alí, gabou o traballo do Museo do Gravado por ter sido quen de reunir nunha exposición os máis de 110 gravados deste autor inspirados na obra de Franz Kafka “demostrando o papel que os museos teñen na difusión da nosa cultura”.

No acto, ao que tamén asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o conselleiro puxo en valor a obra de Manuel Ayaso, “un referente fóra das nosas fronteiras sen renunciar en ningún momento ás súas orixes galegas”, dixo. Román Rodríguez recordou a súa proxección internacional que ao longo da súa extensa carreira fixo que os seus traballos se expuxesen en países como México, Italia ou diferentes partes dos Estados Unidos, pero “agora temos a sorte de poder gozar do seu arte na súa casa”, engadiu.

A exposición pode verse en dúas das salas do Museo do Gravado. Complétase coa edición dun libro en edición limitada de 26 exemplares numerados e asinados polo artista con textos de Felipe Senén, Eva Veiga e Xabier L. Marqués. Pode visitarse ata o 5 de maio en horario de 9,30 a 16,00 horas de martes a sábado.

Referente no seu ámbito


Durante a visita ao Museo, que incluíu un percorrido pola súa Biblioteca Ilustrada, ampliada co apoio da Xunta, Román Rodríguez salientou o compromiso do Goberno autonómico con todas as dotacións e equipamentos culturais da Comunidade no marco da nova Lei de Museos aprobada recentemente. Como indicou, o orzamento deste ano supón un 12% máis con respecto a 2020 e traerá consigo a mellora e reforzamento do prestixio da rede museística galega no que, dixo, o Museo do Gravado ten un lugar destacado.

Salientou o labor do Museo ao que se comprometeu a seguir apoiando como se vén facendo nos últimos anos con melloras nas súas instalacións, na súa oferta cultural ou no impulso dos seus premios Atlante de Gravado. “Este ano daremos un paso máis coa nova Escola Taller”, indicou. A Xunta dará resposta así a unha demanda do centro museístico reforzando o apoio á escola que permitirá ofrecer cursos de iniciación e profesionalización dirixido ao alumnado de Belas Artes e ás persoas interesadas.

“Este é un espazo que é moito máis ca un museo, exerce tamén como dinamizador cultural da comarca e de todo o territorio consolidándose como un referente nacional”, expresou. Referiuse á súa colección de 40.000 pezas de máis de 400 artistas e a súa biblioteca que inclúe “verdadeiras xoias bibliográficas”, apuntou. Entre elas subliñou unha colección de Don Quijote ilustrada por Dalí, o Romancero Gitano de Lorca ilustrado por Alberti, así como varias coleccións de Laxeiro ou Seoane, entre outras.

Imaxes relacionadas