A Xunta colabora co Concello da Peroxa no acondicionamento do polideportivo municipal e en melloras no alumeado público de varios núcleos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe estas actuacións realizadas no marco da Orde de Infraestruturas de uso público

O Goberno galego mantén o orzamento de 4M€ na convocatoria deste ano desta liña de axudas, na que se dará prioridade, entre outros proxectos, aos destinados a mellorar a accesibilidade dos edificios e instalacións deportivas municipais

A Peroxa (Ourense), 5 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as melloras levadas a cabo no polideportivo municipal da Peroxa e na rede de alumeado público en varios núcleos, nas que a Xunta colaborou cunha achega de 35.000 euros ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público.
O Goberno galego destinou 4 millóns de euros o ano pasado a esta liña de axudas e mantén o mesmo orzamento para a convocatoria deste 2021, na que precisamente se dará prioridade, entre outras tipoloxías de proxectos, aos de accesibilidade dos edificios e instalacións deportivas municipais.

A Xunta colaborou co concello da Peroxa para executar melloras no polideportivo municipal coa substitución do pavimento por outro que garanta maior seguridade aos usuarios, ademais do pintado das paredes e da sinalización dos campos de balonmán, fútbol sala e baloncesto. Tamén apoiou mediante esta axuda a instalación nos núcleos de Regolevado e Entrambosríos dun novo cadro de mando de alumeado público co que regular os horarios de acendido e apagado contribuíndo ao aforro enerxético.

A través da Orde de infraestruturas de uso público, a Xunta financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. No marco desta orde, a Administración autonómica cooperou co municipio da Peroxa na construción de novos accesos e prazas en diferentes núcleos, así como actuacións na casa do concello, no edificio de usos múltiples ou na piscina municipal.

Natalia Prieto sinalou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos servizos que ofrecen aos seus veciños. En A Peroxa, o Goberno galego leva investidos nos últimos anos máis de 468.200 euros en proxectos ambientais e de infraestruturas.

Tamén destacou a necesidade da colaboración non só entre a Administración autonómica e os concello, senón tamén entre as entidades locais. Así, a Xunta ten financiado varias melloras de eficiencia enerxética na sede da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Santa Águeda, da que forma parte A Peroxa xunto cos municipios de Amoeiro, Coles e Vilamarín, no marco do Fondo de Compensación Ambiental. Ademais, A Peroxa pertence ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, integrado por máis dunha vintena de concellos da provincia ourensá para e fomentar a cooperación no ámbito da dinamización turística, e cuxo traballo foi recoñecido nunha das edicións dos Premios Coopera.

Imaxes relacionadas