A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo unha reunión coa ministra da Coesâo Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa

A Xunta e o Goberno luso coinciden na necesidade de aproveitar os fondos europeos para impulsar as comunicacións entre Galicia e Portugal co AVE Vigo-Porto-Lisboa como prioridade

Ethel Vázquez demanda que o Goberno de España presente unha planificación completa de obras e investimentos para impulsar a liña de alta velocidade entre Vigo e Porto como está a facer o Executivo portugués

Reclama a Saída Sur ferroviaria de Vigo para darlle continuidade ao Eixe Atlántico e completar o treito cara á fronteira

A conselleira destaca o impulso conxunto de actuacións para apuntalar a Eurorrexión, como a renovación da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao, cun investimento de 1,5 M€

Avanza que a Xunta tamén someterá a información pública en primavera o proxecto para o acondicionamento da estrada autonómica que une Celanova e a fronteira portuguesa

Lembra que o Goberno galego xa solicitou fondos europeos para esta intervención e a mellora da estrada OU-533, entre A Gudiña e A Rúa
 

Melgaço (Portugal), 5 de marzo de 2021

A Xunta e o Goberno luso coincidiron hoxe na necesidade de aproveitar os fondos europeos para impulsar as comunicacións entre Galicia e Portugal co AVE entre Vigo,Porto e Lisboa como prioridade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo hoxe unha reunión en Melgaço coa ministra da Coesâo Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa, para abordar as infraestruturas estratéxicas de comunicación transfronteiriza.

Na reunión tamén participaron a secretaria de Estado da Valorização do Interior, Isabel Ferreira, o secretario de Estado das Infraestruturas, Jorge Moreno Delgado, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), António Cunha, o presidente da Câmara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada Pombal, e outros rexedores dos municipios transfronteirizos.

Vázquez Mourelle subliñou que cómpre sumar esforzos e avanzar en proxectos de interese común para Galicia e Portugal, tanto nas infraestruturas viarias como ferroviarias, coa fin de reforzar a competitividade de ambos territorios.

Os Gobernos galego e luso coincidiron na prioridade da conexión en alta velocidade entre Vigo e Porto, así como na necesidade de aproveitar os fondos europeos para o seu financiamento para apuntalar as potencialidades da Eurorrexión.

O Goberno luso vén manifestando a súa intención de impulsar a nova liña de alta velocidade cara á fronteira galega. A conselleira indicou que cómpre un compromiso similar por parte do Goberno español de avanzar no AVE Vigo-Porto e a Saída sur de Vigo.

Vázquez Mourelle urxiulle ao Goberno de España unha planificación completa de obras e investimentos, aproveitando os fondos europeos Conectar Europa e de recuperación Next Generation.

Destacou que é necesario e imprescindible que o Goberno de España impulse a Saída Sur de Vigo, coa licitación do estudo informativo para a continuidade do Eixe Atlántico cara á fronteira.

Esta liña supón a redución nun 57% do tempo de percorrido entre Vigo e Porto, situando a Vigo a escasos 10 minutos de Portugal, polo que a conselleira puxo en valor a alta velocidade entre ambos os territorios para ofrecer máis e mellores oportunidades aos cidadáns.

No que respecta ás infraestruturas viarias, sinalou que é estratéxica a ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao, polo que a Xunta e o Goberno de Portugal están a impulsar conxuntamente a súa renovación, cun investimento de 1,5 M€.

Trátase da rehabilitación estrutural, cun proxecto promovido polo departamento de Infraestruturas de Portugal, pendente de licitar e para o que se está a tramitar o correspondente convenio, segundo apuntou a conselleira.

Tamén concretou a ampliación da plataforma, para a construción dunha ciclovía, atendendo a proposta promovida polos concellos de Salvaterra e Monçao.

Precisou que o Goberno galego tamén considera fundamental as comunicacións entre a provincia de Ourense e o norte de Portugal. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas está a redactar o proxecto para o acondicionamento da estrada autonómica OU-540, entre Celanova e a fronteira.

Ethel Vázquez detallou que o obxectivo é someter a información pública e iniciar a tramitación ambiental deste proxecto nesta primavera.

Fixo fincapé en que esta actuación, cun investimento de 9 M€, suporá unha mellora cualitativa nas comunicacións con Portugal, para os case 7.000 veciños da Baixa Limia que percorren cada día a estrada.

O Executivo autonómico xa solicitou fondos europeos do Plan de Recuperación para a anterior intervención e tamén para o acondicionamento da estrada OU-533, entre A Gudiña e A Rúa, que facilitará o acceso á estación do AVE e suporá unha mellora das comunicacións coa fronteira lusa.

Na liña de aproveitar as potencialidades da estación do AVE da Gudiña, a Xunta, a Deputación de Ourense e 17 concellos da raia asinaron unha declaración institucional para o impulso da conexión da autovía Macedo de Cavaleiros e Vinhais coa A-52.
 

Imaxes relacionadas