A Xunta entrega ao concello de Pontedeume as obras de modernización da potabilizadora municipal nas que investiu 1,5 M€

Esta actuación permite garantir o abastecemento ao municipio e a calidade da auga que abastece á poboación

Pontedeume (A Coruña), 5 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu esta mañá á recepción das obras de modernización da potabilizadora municipal de Pontedeume de xeito que, tras as melloras realizadas pola Xunta no marco da actuación de emerxencia declarada o 13 de outubro sobre a situación de turbidez do río Eume e as súas consecuencias no abastecemento de auga ao municipio, volve a mans do Concello para o seu mantemento.

Con esta actuación A Xunta levou a cabo a instalación dos equipos para optimizar a planta. O Goberno galego investiu 1,5 millóns de euros nestas melloras na potabilizadora municipal, para asegurar o abastecemento ao concello de Pontedeume e a calidade da auga no río, axudando ao Concello na correcta prestación deste servizo de competencia municipal.

A Xunta estudou varias alternativas, pero actuar na potabilizadora resultou ser a medida máis eficiente, rápida e eficaz para restablecer os parámetros da auga derivados do episodio de turbidez no río Eume. Neste sentido, destinouse a maior parte do orzamento a paliar as limitacións que presentaba a potabilizadora municipal.

Trenor puxo en valor o constante seguimento da calidade da auga que vén realizando Augas de Galicia en Pontedeume e destacou que cando se detectou o episodio de turbidez, o Executivo autonómico actuou con inmediatez e contundencia, apoiando ao Concello desde o primeiro momento, coa adopción de medidas necesarias, tanto no río como na potabilizadora.

O delegado da Xunta sinalou que estas actuacións extraordinarias permiten garantir o abastecemento a Pontedeume, a calidade da á poboación.

Con este tipo de actuacións a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa achegando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento, abastecemento e depuración, que son de competencia local.

 

Imaxes relacionadas