Conde avalía co alcalde de Val do Dubra medidas para impulsar a actividade industrial e empresarial do concello

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co rexidor de Val do Dubra, José Manuel Varela

Trasládalle as vantaxes de ser Concello Emprendedor á hora de acceder ás axudas para impulsar a fábrica intelixente, o emprego ou o emprendemento
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, para avaliar medidas e proxectos que poidan impulsar a actividade industrial e empresarial do concello.

O vicepresidente económico interesouse polo polígono industrial que o municipio está poñendo en marcha e trasladou as vantaxes coas que Val do Dubra conta ao ser un Concello Emprendedor. Adherirse a esta iniciativa, en liña coa nova Lei de simplificación administrativa e reactivación económica, supón que a Xunta dea prioridade aos Concellos Emprendedores en liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade ou o emprendemento baseado na innovación e no talento. Pola súa parte, os Concellos Emprendedores comprométense a ofrecer ás empresas que se instalen nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e simplificación na tramitación administrativa.

Conde informou ao alcalde das medidas que desde a Xunta de Galicia se están poñendo en marcha para recuperar a economía galega a través do Plan de reactivación co que se mobilizarán 3000M€ en investimento público e privado. En concreto, desde a Vicepresidencia segunda ofrécense 180 millóns para financiamento e 170,5M€ para distintas liñas de axudas directas relacionadas coa dixitalización, a innovación, o apoio a sectores afectados, a eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable ou a transformación empresarial. Conde trasladou o compromiso do seu departamento con Val do Dubra ao que leva destinado, desde 2009, axudas que permitiron mobilizar 3,5M€ no municipio.
 

Imaxes relacionadas