A Xunta adxudica os traballos de limpeza e conservación da ponte da estrada autonómica OU-536 no Concello de Xunqueira de Espadanedo

Esta actuación, que comezará nas vindeiras semanas, ten un prazo de execución dun mes e suporá un investimento de preto de 42.000 euros

A intervención consistirá na retirada manual de vexetación e maleza dos paramentos de cantería, na reposición de pezas danadas e no recheo de xuntas

Tamén se repararán as beirarrúas deterioras e procederase á limpeza da estrada nas marxes próximas á ponte

A intervención enmárcase no programa pioneiro de inspección e control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para garantir a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas con actuacións preventivas

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar os traballos de limpeza e conservación da ponte da estrada autonómica OU-536, no concello de Xunqueira de Espadanedo.

A intervención foi adxudicada á empresa Hermanos Caride Fernández Trabajos Verticales e conta cun investimento próximo aos 42.000 euros. Os traballos, que comezarán nas vindeiras semanas, teñen un prazo de execución dun mes.

A intervención faise logo da inspección técnica realizada na ponte, situada no punto quilométrico 22+870 da OU-536, que presenta nos seus paramentos abundante maleza, polo que se levarán a cabo traballos de limpeza e conservación.

Concretamente, procederase á retirada manual de vexetación e maleza dos paramentos de cantería e á limpeza de xuntas e á reposición de pezas danadas ou desaparecidas do paramento, mediante sillería nova; así como ao recheo profundo onde sexa necesario de xuntas horizontais e verticais dos paramentos de sillería.

Ademais, repararanse as beirarrúas deterioradas, mediante a demolición e levantado destas e a posterior colocación de pavimento de baldosas hidráulicas.

Tamén se fará a roza e limpeza do dominio público da estrada nas marxes próximas á ponte.

Esta intervención enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas con actuacións de conservación preventiva.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.