A Biblioteca de Galicia celebra o seu décimo aniversario cunha programación que inclúe homenaxes a Pardo Bazán e Xela Arias

O secretario xeral de Cultura da Xunta presentou as actividades con mostras, encontros con escritores e xornadas que se desenvolverán desde este mes de marzo

Situada na Cidade da Cultura, a Biblioteca atesoura un rico patrimonio documental que inclúe o legado de Díaz Pardo, obras de Seoane, o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia ou a máis completa cartografía da Comunidade

Está consolidada como unha institución de vangarda na que a día de hoxe permítese a consulta de máis de 2,5 millóns de páxinas dixitalizadas
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a programación impulsada pola Xunta de Galicia para conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, que incluirá cinco exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán e Xela Arias ou a ilustradora Lolita Díaz Baliño. Compleméntase, ademais, con retrospectivas sobre a ilustración xacobea e os principais fitos da biblioteca nesta década, así como cunha ampla oferta de encontros e xornadas con escritores.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o obxectivo destas actividades é poñer en valor a primeira década de vida dunha institución que, xunto ao Arquivo de Galicia, funciona como “a gardiá da memoria documental e bibliográfica da nosa Comunidade”. “Ao longo destes dez anos a Biblioteca de Galicia consolidouse como unha institución fundamental para a memoria e o legado de Galicia atesourando e poñendo a disposición da cidadanía un rico patrimonio documental”, afirmou.

Neste senso, destacou que un dos grandes fitos desta década é que a Biblioteca de Galicia estea xa consolidada como unha “institución de vangarda” capaz de responder aos retos de hoxe en día ao apostar pola dixitalización dos seus fondos a través de proxectos como Galiciana. “A día de hoxe permítese a consulta a máis de 2,5 millóns de páxinas dixitalizadas o que converte a esta biblioteca nunha das principais de España”, salientou.

Ademais, tal e como subliñou Anxo M. Lorenzo, a Biblioteca de Galicia xoga un papel fundamental no desenvolvemento de actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e a difusión da cultura galega. “Desde a súa inauguración veu organizando periodicamente mostras bibliográficas nas que se tratou de darlles visibilidade a figuras senlleiras da cultura galega, como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Manuel Antonio ou Antonio Fraguas”, expresou recordando que “a mellor homenaxe agora é dar continuidade a todo este traballo”.

Homenaxe a galegas ilustres

O programa de actividades conmemorativas desta década está formado por un total de cinco exposicións nas que se pon en valor a traxectoria vital de distintas galegas ilustres. A primeira delas céntrase na figura da ilustradora coruñesa Lolita Díaz Baliño, primeira muller homenaxeada no Día da Ilustración e unha das primeiras mulleres en ingresar na Real Academia de Belas Artes. Trátase dunha mostra fundamental para coñecer o legado profesional e vital desta figura que foi clave para as artes galegas e que reúne no Gaiás máis de 60 pezas, incluíndo algunhas obras orixinais da autora.

A seguinte exposición estará centrada na celebración do Día das Letras Galegas 2021, dedicado este ano a Xela Arias, unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea. A continuación, xa no mes de xullo, programarase unha mostra que repasará a historia da ilustración xacobea e que se poderá visitar nas instalacións da Biblioteca de Galicia ata o vindeiro mes de outubro.

Como parte da conmemoración do décimo aniversario, a Xunta de Galicia tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, visitable a partir do mes de outubro. Trátase dunha mostra para coñecer de preto o labor e o rico patrimonio documental que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, así como o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e grabados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia forman parte dos fondos abertos a toda a cidadanía.

O calendario de exposicións conta tamén cunha homenaxe á escritora Emilia Pardo Bazán con motivo do centenario do seu pasamento, que se poderá ver desde novembro e ata xaneiro de 2022. Ademais, de xeito complementario, ofrécese un amplo abano de encontros e xornadas técnicas que se desenvolverán desde este mesmo mes de marzo. Incluirase unha xornada de debate sobre o traballo das bibliotecas en Galicia, así como xornadas con distintos encontros de autores e público, así como distintas actividades do mes da ciencia nas bibliotecas.

Referencia no eido da cultura

A celebración da primeira década de vida da Biblioteca de Galicia enmárcase no décimo aniversario da Cidade da Cultura ao completo, xa que tras á posta en marcha da Biblioteca e do Arquivo inaugurouse o Museo Centro Gaiás, creouse o Centro de Emprendemento (CEM) e trasladáronse á Cidade da Cultura varios servizos públicos, sempre co obxectivo de maximizar os seus espazos e avanzar nunha xestión eficiente ofrecendo instalacións altamente equipadas.

Ao longo desta década, a Cidade da Cultura de Galicia converteuse nunha referencia no eido da cultura cunha media anual de case 200 actividades culturais e 400 eventos organizados por empresas, institucións e colectivos sociais nas súas instalacións. Proba disto é que o Gaiás lidera a listaxe de institucións e proxectos culturais máis destacados do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea.
 

Imaxes relacionadas