A Xunta ratifica o seu compromiso cunha Galicia Verde no Día Mundial da Eficiencia Enerxética

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, visitou esta mañá a instalación fotovoltaica do complexo administrativo de San Lázaro

As actuacións levadas a cabo no recinto permiten reducir un 15% o consumo eléctrico ao ano, así como o aforro de 50.000 euros na factura enerxética

Destaca a boa resposta dos particulares ás liñas de axudas abertas esta semana en materia de renovables térmicas e fotovoltaica e lembra que segue aberto o prazo para os apoios dirixidos aos sectores industrial e de servizos

En apenas horas, cubriuse o crédito de 5,1M€ para autoconsumo e renovables nos fogares
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Paula Uría, visitou esta mañá as instalacións de fotovoltaica do complexo administrativo de San Lázaro con motivo da conmemoración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.

As instalacións, inauguradas a mediados de 2019, permiten unha redución anual do consumo eléctrico dos edificios administrativos do 15%, un aforro económico de 50.000 euros ao ano e evitar a emisión a atmosfera de 115 toneladas de CO2 ao ano, grazas á implantación dunha instalación fotovoltaica de 350kW. A actuación completouse coa renovación da iluminación exterior con tecnoloxía led e cinco puntos de recarga para vehículos eléctricos.

A directora puxo esta iniciativa como exemplo do compromiso da Xunta co impulso dunha Galicia cada vez máis verde que camiña con paso firme cara a neutralidade climática para o ano 2050 apostando pola economía circular, a electrificación da economía, o impulso das enerxías renovables e unha maior implicación no aforro e eficiencia enerxética en todos os sectores.

Lembrou que, para conseguilo, o orzamento do Inega medrou un 33% este ano para seguir axudando a fomentar o uso das renovables e a cultura do aforro enerxético tanto nos fogares, como nas empresas, administracións e entidades. Neste sentido, salientou a boa acollida que as ordes de axuda para particulares está tendo este ano. De feito, para as axudas ao autoconsumo nos fogares a través da enerxía fotovoltaica e para enerxías renovables para particulares o crédito dispoñible de 5,1M€ cubriuse en apenas unhas horas.

No eido das empresas dos sectores da industria e dos servizos, continúa aberta a orde de axudas de aforro e eficiencia enerxética. Destinaranse 10millóns de euros co obxectivo de mobilizar máis de 42M€, propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7millóns anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.
 

Imaxes relacionadas