A Xunta licita por máis de 400.000 euros as obras de acondicionamento da estrada AC-110 no concello das Somozas

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe o inicio desta contratación, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o día 31 de marzo

Esta actuación, que conta cun prazo de 6 meses, comezará a executarse no verán co obxectivo de que estea rematada este mesmo año

A intervención suporá un investimento total de 500.000€, nos que se inclúen os preto de 84.000 euros do pagamento dos 5 predios necesarios para as obras

As obras complementaranse con traballos de urbanización que prevé acometer o Concello, cun investimento de 163.000 euros
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

A Xunta licita a execución das obras de acondicionamento do trazado da estrada autonómica AC-110 ao seu paso polo concello das Somozas.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica xa o inicio da contratación desta actuación por un importe de máis de 402.973,26 euros. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 31 de marzo para presentar as súas ofertas.

Esta actuación ten un prazo de execución de 6 meses. A previsión da Xunta é poder empezar a acometer os traballos no verán para telos rematados este mesmo ano.

A actuación conta cun investimento conxunto próximo aos 500.000 euros, nos que se inclúen os preto de 84.000 euros do pagamento dos 5 predios necesarios. Ademais, a actuación complementarase con obras de urbanización que prevé acometer o Concello das Somozas, cun investimento de 163.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade celebrou este luns, día 1 de marzo, o acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos, e está fixada a convocatoria de pagamento dos depósitos previos para o día 21 de abril.

O detalle da intervención

As obras consistirán na modificación do trazado de dúas curvas consecutivas na contorna dos puntos quilométricos 11+500 e 11+700, de xeito que se facilite a circulación dos transportes especiais, así como a seguridade viaria para os veciños e para o tráfico en xeral.

 

O proxecto recolle a construción de dúas estruturas, unha para salvar a diferenza de cotas entre a nova rasante e o terreo natural; e outra entre a nova rasante e a das beirarrúas naqueles puntos nos que esta está condicionada pola cota de acceso ás vivendas.

Ademais da calzada, reporanse as beirarrúas e empregarase un pavimento de formigón en cor reforzado con mallazo. Prolongarase, tamén, a drenaxe transversal no treito que se acondiciona.

A obra complementarase coa sinalización completa, tanto horizontal como vertical, da vía e incluirá os elementos de balizamento e defensas, alumeado público, canalización de telecomunicacións e reposición dos servizos municipais.