A conselleira de Política Social visitou esta mañá as instalacións nas que se celebrará a competición a finais de xuño

Fabiola García celebra que o albergue da Xunta de Portomarín vaia acoller a Copa de España de piragüismo infantil

Renova o acordo polo que se cede o centro para os adestramentos das mozas e mozos do Club Fluvial Lugo

O campionato reunirá a máis de 1000 participantes de entre 12 e 14 anos na localidade lucense
 

Portomarín, (Lugo), 5 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, celebra que o albergue xuvenil da Xunta en Portomarín vaia acoller a Copa de España de piragüismo infantil que terá lugar a última fin de semana do mes de xuño e destacou que reúne as mellores condicións para facelo. Durante a visita ás instalacións, que tivo lugar esta mañá, a responsable do departamento autonómico estivo acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, o alcalde da localidade, Juan Carlos Serrano, e o presidente do Club Fluvial de Lugo, Tito Valledor.

Fabiola García sinalou que o obxectivo do Goberno galego é dar a este albergue a maior vida útil posible e que beneficie ao maior número de persoas. Por iso, lembrou que o pasado ano a Administración autonómica puxo este centro a disposición do Club Fluvial de Lugo para que as mozas e mozos puideran adestrar e ter acceso ao embalse de Belesar.

Neste sentido, anunciou que este acordo renóvase un ano máis, polo que as rapazas e rapaces deste Club poderán seguir adestrando neste albergue Benigno Quiroga naqueles meses que non haxa actividades, como sucede cos campamentos de verán.

Así mesmo, tamén servirá para celebrar o Campionato infantil de piragüismo de España que reunirá a máis de 1.000 participantes de entre 12 e 14 anos. “O albergue Benigno Quiroga ten todas as comodidades para poñer en marcha un encontro destas características”, apuntou a conselleira.
 

Imaxes relacionadas