Fernández-Tapias recibe a Vigo Comercio e sinala que se segue a avanzar nas medidas de incentivos consensuadas co sector

A delegada territorial da Xunta en Vigo destaca que o obxectivo do Goberno galego é ofrecer o máximo respaldo ao comercio nun momento de tantas dificultades

As propostas van enfocadas a incentivar as compras no comercio de proximidade e favorecer a súa transformación dixital, promovendo por exemplo a venda online
 

Vigo, 5 de marzo de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe con parte da xunta directiva da nova federación de comercio de Vigo e da hostalería, que agrupa a sete asociacións da cidade (O Calvario, Teis, Torrecedeira-Pi y Margall, Camelias, Zona Náutico, Casco Vello y Vila de Bouzas), á que lle trasladou o obxectivo do Goberno galego de ofrecer o máximo respaldo ao comercio nun momento de tantas dificultades.

A este respecto, Fernández-Tapias sinalou que se segue a avanzar no plan de medidas de apoio ao sector que a Xunta de Galicia vai poñer en marcha de xeito inmediato. Segundo dixo, o contacto cos representantes do sector é permanente co obxectivo de consensuar unha resposta o máis áxil e eficiente posible ante as súas necesidades máis urxentes. Así o fixemos, indicou, cos dous plans de rescate en marcha, con 160 millóns de euros de fondos a disposición dos sectores más afectados polas restricións sanitarias da covid-19.

De feito lembrou que as novas axudas que se porán en marcha se suman aos apoios xa activados pola Xunta ata o de agora para o sector. Por un lado, os 70 millóns de euros que se puxeron á disposición do comercio galego en forma de préstamos e apoios para adaptar os locais ás medidas de seguridade ou para formación e asesoramento. E, por outro lado, a través dos citados plans de rescate para autónomos, microempresas, hostalería e outras actividades pechadas.

Neste contexto, a delegada, que manifestou ser consciente do impacto que está causando a pandemia no pequeno comercio e noutras actividades da economía galega, destacou que o novo programa de axudas no que traballa a Xunta actúa especialmente en dous ámbitos: incentivar o consumo no comercio de proximidade e impulsar a súa dixitalización, como por exemplo promovendo a venda online.

En todo caso, tras pór en valor que Galicia é a comunidade autónoma que máis apoios deste tipo aprobou ata o de agora solicitou que este debe ser un esforzo coordinado e ampliado por parte de todas as administracións, por lo que reclamou de novo ao Concello de Vigo axudas directas como lle veñen reclamando desde o propio sector.

Imaxes relacionadas