O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria do ano 2020

A Xunta concede 224 axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos cun investimento de case 1,15 M€

Atendéronse 41 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 180 para taxis ECO e 3 para coches de cero emisións

A contía dos incentivos por taxi é de ata 4.000€ para vehículos de baixas emisións, 6.000€ para os de emisións 0, e 10.000€ para os accesibles a persoas con mobilidade reducida

A Xunta suma máis de 3 M€ en incentivos ao sector nos últimos 5 anos para a modernización da súa flota, tendo en conta a convocatoria de 2021, actualmente aberta e dotada con 350.000 euros

Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade dun sector do que dependen case 4.000 familias galegas, facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e fomentar unha mobilidade menos contaminante

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

A Xunta concedeu no último ano un total de 224 axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun investimento total de case 1,15 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución que recolle a listaxe dos beneficiarios destas axudas concedidas para a adquisición destes vehículos, no marco da convocatoria do ano 2020.

Para ampliar a información sobre esta resolución pode consultarse o DOG a través do seguinte enlace: https://xurl.es/zt8z0

A iniciativa da Xunta, que incrementou o Orzamento inicial destes incentivos ao sector do taxi, para atender á demanda das distintas convocatorias, permitiron atender 41 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 180 para taxis ECO e 3 para coches de cero emisións.

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Das mesmas beneficiáronse as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

A Xunta suma máis de 3 M€ en incentivos ao sector nos últimos 5 anos, para a modernización da súa flota, tendo en conta a convocatoria correspondente ao ano 2021, que está actualmente aberta, dotada cun crédito de 350.000 euros.

Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.

Imaxes relacionadas