Alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias dependente da Xunta realizan prácticas nunha parcela de 23 hectáreas preto da ría de Ribadeo

A formación práctica lévase a cabo en virtude dun convenio asinado entre a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o propietario do predio “O Costal”, onde se impulsou un proxecto de recuperación paisaxística e medioambiental

Os beneficiarios son os estudantes do ciclo medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se implantou este curso no Centro na modalidade de FP dual
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de asinar un convenio co propietario dunha parcela de 23 hectáreas lindeira coa ría de Ribadeo para que os alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias poidan realizar prácticas nestes terreos, onde se impulsou nos últimos anos un proxecto de recuperación paisaxística e medioambiental.

En virtude do acordo, tanto os estudantes como os profesores do CFEA poden levar a cabo traballos silvícolas no predio denominada “O Costal”, no marco dos programas educativos impartidos no Centro. En concreto, os beneficiarios son os alumnos do ciclo medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, que se implantou este curso na modalidade de formación profesional dual. Así, poden acudir á parcela acompañados dos seus docentes para realizar rozas, podas, clareos, claras ou selección de abrochos.

O obxectivo da iniciativa é que os estudantes poidan levar á práctica os coñecementos adquiridos nas aulas. Trátase dunha vantaxe coa que seguirán contando durante todo o transcurso do ciclo, xa que a modalidade de FP dual se caracteriza polo estreito contacto co mundo laboral dende o comezo da acción formativa, buscando aumentar as posibilidades de que os alumnos atopen un traballo no futuro.

Cómpre sinalar que no predio “O Costal” se levou a cabo un proxecto de recuperación nos últimos anos, retirando plantas de carácter invasor e creando hábitats para aves, fauna e flora autóctona. En concreto, dende o ano 2014 plantáronse 5.600 árbores de 144 especies e 15.300 plantas de 160 especies. Cabe apuntar que o 60% da superficie se destina á produción para a granxa coa que conta a parcela, que alberga 100 ovellas.
 

Imaxes relacionadas