Os conselleiros de Educación e de Sanidade presidiron o Consello Escolar de Galicia

Román Rodríguez realiza un balance satisfactorio do desenvolvemento do curso co reto de mantelo no tramo final

A Xunta e a comunidade educativa fan seguimento das medidas tomadas e abordan a planificación dos próximos meses

Román Rodríguez agradece o esforzo de familias, equipos directivos, docentes e todos os traballadores e insta a non baixar a garda a partir de agora

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que se sigue avanzando na vacinación do colectivo e se prevé rematar a próxima semana

Santiago de Compostela, 4 de marzo 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cualifica de “satisfactorio” o balance do desenvolvemento do curso escolar en Galicia grazas, sobre todo, á implicación e esforzo do conxunto da comunidade educativa e, principalmente, á responsabilidade amosada por alumnos e profesores no estrito cumprimento dos protocolos sanitarios.

Así o expuxo esta tarde ante o Consello Escolar de Galicia, convocado para analizar as medidas tomadas ata o de agora e abordar a planificación do que resta de curso desde unha perspectiva de normalización do proceso educativo, nunha xuntanza na que tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, que deu conta do proceso de vacinación que se está levando a cabo entre o profesorado. Román Rodríguez agradeceu “a súa presenza e o enorme compromiso e traballo que o sistema público de saúde vén prestando ao ensino este curso”.

Román Rodríguez lembrou que na primeira reunión do Consello Escolar a principios de curso, que tivo lugar nada máis tomar posesión como responsable da carteira de Educación, había unha axenda de “decisións urxentes” dirixidas a dos obxectivos prioritarios, que eran “acadar a máxima seguridade nas aulas” e “que a crise sanitaria non derivara nunha crise educativa”.

Unha vez superada esa fase de urxencia, e ante o tramo final de curso o conselleiro fixo balance das decisións tomadas así como e analizou cos integrantes do Consello Escolar a folla de ruta para as novas fases “de avance e normalización”, na que é decisivo o proceso de vacinación iniciado a semana pasada.

A este respecto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que “se continúa avanzando na vacinación dos docentes, dos que xa a recibiron máis de 25.000, ao tempo que se continuará coa vacinación do persoal non docente coa previsión de acabar todo o proceso a próxima semana".

Cumprimento de obxectivos

Román Rodríguez agradeceu unha vez máis o esforzo do conxunto da comunidade educativa que fixo posible cumprir cos obxectivos marcados naquela primeira reunión do Consello Escolar de setembro pasado. “Non foi un proceso doado”, afirmou, sobre todo co impacto da terceira onda da pandemia, e que agora mesmo se está volvendo a dobregar.

Tamén lembrou a batería de iniciativas, -a gran maioría deseñadas de xeito conxunto coa comunidade escolar no marco do Comité Educativo- que axudaron a que o curso se desenvolvera coa máxima normalidade neste contexto de excepcionalidade, e que pivotaron sobre tres eixos.

Traballo en tres eixos

O primeiro foi o apoio de recursos humanos e loxísticos, cunha inxección económica de 162 millóns de euros para reforzar o sistema educativo ante a crise, a contratación de 2.300 profesores máis que se incorporaron ao sistema neste curso, o incremento dos gastos de funcionamento dos centros, o apoio ás anpas ou o reforzo do comedor escolar, entre outros.

O segundo eixo foron as medidas de organización académica co Plan de Ensino Virtual por se fora necesario pasar ao ensino telemático, co deseño dos horarios-espello, co impulso da formación do profesorado (máis de 30.000 docentes participaron en 1.700 accións formativas) ou a habilitación de mecanismos de atención a distancia. O conselleiro tamén lembrou as medidas específicas de apoio como o Plan de atención ao Alumnado Vulnerable ou o Plan de Benestar Emocional, entre outros.

Retos máis inmediatos

Ademais da continuación do proceso educativo, entre os retos que quedan por diante, Román Rodríguez citou a celebración das probas da ABAU (para as cales xa está pechado o protocolo de actuación que elaborou a Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG) e a convocatoria de oposicións, que terán lugar entre o 19 de xuño e o 23 de xullo, congregará a máis de 26.000 aspirantes e que xa está planificada en diálogo cos representantes sindicais. Así pois, o conselleiro demandou “seguir esforzándonos” e “non baixar a garda” para superar con éxito este curso escolar.

O Consello Escolar de Galicia é o órgano superior de consulta e asesoramento, de participación dos sectores implicados na programación xeral do ensino, no que están representados profesorado, anpas, centrais sindicais, administración local, universidade, entre outros).

Imaxes relacionadas