O director da Agacal estivo na apertura pública dos sobres cos gañadores do concurso de ideas para deseñar as novas instalacións, que se desenvolverán en varias fases

A Xunta priorizará a reforma do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude no proceso de conversión do Pazo de Quián no espello do rural galego

A proposta gañadora proxecta -nunha primeira fase- mellorar as instalacións formativas e a residencia de estudantes

Posteriormente, potenciarase o Pazo e a súa contorna, construirase unha granxa de vacún e un novo edificio que sirva de escaparate das actividades e dos produtos característicos do agro da nosa comunidade

Tamén se contempla crear un parque forestal para resaltar a multifuncionalidade e diversidade dos montes galegos, así como unha zona de cultivos para exaltar as producións agroalimentarias galegas de calidade

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

A Xunta priorizará a reforma do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude no proceso de conversión do Pazo de Quián no espello do rural galego. Así o trasladou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, tras o acto público de apertura dos sobres que contiñan os gañadores do concurso de ideas convocado para deseñar o chamado Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia. Neste sentido, Cabarcos explicou que o proxecto se desenvolverá en varias fases e que a primeira delas será para mellorar tanto as instalacións formativas como a residencia de estudantes.

En concreto, o primeiro premio recaeu no grupo de arquitectos formado por Jorge Salgado, Celso López, Magdalena-Arousa Portela e César Portela, pola súa proposta presentada baixo o lema Buxo. Á hora de outorgarlles o recoñecemento, o xurado tivo en conta que entenden a paisaxe “como proxección da cultura sobre a natureza, que se manifesta na materialización espacial e na reflexión sobre o vínculo entre lugares públicos e espazo natural”. Este anteproxecto propón reservar a mellor terra do predio de Sergude para a agricultura procurando unha distribución lóxica de todos os usos e apostando unicamente por catro grandes edificacións.

Primeiramente, a proposta gañadora avoga -nunha primeira fase- por conservar e renovar o Pazo de Quián na zona central como espazo lúdico e representativo e por potenciar o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal no norte. No primeiro caso, prevese recuperar peches e xardíns, mellorar a urbanización e xerar un circuíto de auga. No que respecta ao CFEA, proponse mellorar as instalacións do Centro e da parte residencial.

En fases posteriores, proxéctase levantar un edificio sobre a Cruz do Naveiro denominado “O Castro”, unha especie de escaparate das actividades e dos produtos agroalimentarios e forestais integrado coa paisaxe dadas as súas óptimas condicións de miradoiro cara ao Pico Sacro. Deste xeito, estas instalacións conectarán os sectores agrícola, gandeiro e forestal concentrando nunha soa peza o centro temático ou o de promoción gastronómica, pensado para que os cociñeiros da nosa comunidade poidan traballar e poñer en valor os produtos do agro galego. Tamén acollerá o espazo interactivo de promoción, para a organización de mostras e eventos ligados á produción agroalimentaria de calidade.

A maiores, o anteproxecto concibe construír no futuro unha granxa de vacún con todas as razas autóctonas existentes na nosa comunidade, que dispoña de acceso directo aos pastos e dotada con queixería, silos, almacén e taller de maquinaria. Tamén haberá instalacións para os cabalos de Pura Raza Galega, para exemplares de porco celta, para as cabras e ovellas e para as galiñas.

Canto ao resto de espazos, a proposta gañadora contempla crear posteriormente un parque forestal destinado a resaltar a multifuncionalidade e diversidade dos montes galegos, así como unha zona con cultivos de horta, cereais e viñedos que exalten as producións agroalimentarias galegas distinguidas con selos de calidade. Así mesmo, potenciaranse os pasteiros, enmarcados polos ríos, regatos e a vexetación de ribeira. Por último, melloraranse os accesos e as áreas de estacionamento de vehículos.

Cómpre lembrar que este gañador do primeiro premio do concurso de ideas (dotado con 40.000 euros) poderá ser tamén o adxudicatario do contrato de servizo de redacción do proxecto básico e de execución. Tamén poderá ser o encargado da dirección da obra ulterior, cuxa primeira fase se prevé comezar este ano.

A maiores, outorgáronse outros catro premios, cunha dotación de entre 25.000 e 10.000 euros. Así, o segundo posto foi para as sociedades Arrokabe Arquitectos e MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, polo seu deseño presentado baixo o lema Rural vivo; o terceiro para IDOM Consulting Engineering Architecture, pola súa proposta co lema Yakisugi; o cuarto para Gonzalo Sebastián Alfaro, polo anteproxecto Lag; e, por último, o quinto posto recaeu no deseño Prados, ríos, arboredas, presentado por Carlos Pita, Carlos Seoane, Xoán Manuel Pérez, José Carlos Iglesias e José Francisco Vaamonde.

En esencia, o obxectivo é crear un espazo que propicie unha visión global do que é o medio rural galego desde o punto de vista agropecuario, forestal ou hortofrutícola, comezando nunha primeira fase pola mellora do Centro de Formación e da residencia de estudantes. Así, o pazo e a súa contorna (que conta cunha superficie de arredor de 100 hectáreas) converteranse no futuro nunha reprodución visitable da ordenación do territorio que se pretende para o rural galego cos tres usos: forestal, agrícola e gandeiro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural