A Xunta demanda ao Goberno central un compromiso real con partidas concretas para apoiar a organización do Xacobeo

O Goberno galego destaca a necesidade de coñecer o orzamento concreto para organizar coa antelación suficiente as accións de promoción e programación neste ano e no 2022

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

A Xunta solicita ao Goberno central un compromiso real coa celebración do Xacobeo con partidas concretas para colaborar na súa organización. Por iso, o Goberno galego reclama que no Plan Nacional do Xacobeo 2021-2022 que o Executivo estatal vén de anunciar se concrete o apoio á celebración do Ano Santo co obxectivo de poder planificar a súa organización. No documento presentado esta mañá non aparece ningún orzamento asignado nin ata o de agora o Goberno central concretou con partidas específicas o seu apoio á celebración do Xacobeo.

O Goberno galego destaca a necesidade de coñecer os detalles do orzamento e a partida específica para a comunidade no marco deste Plan Nacional destinada a financiar as accións de promoción e programación tanto para este 2021 e co fin de coordinar tamén o investimento de cara a 2022. A este obxectivo común non contribúe o feito de que a reunión celebrada hoxe, na que os participantes non puideron tomar a palabra, fose convocada o martes desta mesma semana sen ningunha comunicación previa.

A Xunta destaca que este Xacobeo, que se estenderá a 2022, supón unha oportunidade histórica para recuperar os plans previstos antes da crise sanitaria da covid-19, polo que tamén reclama apoio para a súa promoción. Nesta liña, esta celebración do Xacobeo ten un excepcional interese e será o motor de reactivación económica do turismo e a economía galega. Non só beneficiará a Galicia, senón a tódalas comunidades polas que pasa o Camiño e á marca España.

Por outra parte, a Administración autonómica reitera a necesidade de que o Goberno galego tamén concrete as axudas anunciadas polo Executivo central para a hostalería e que se traduzan en achegas directas como as do Plan de Rescate da Xunta para autónomos, microempresas e hostaleiros, que en catro meses mobilizou máis de 160 millóns de euros.

Imaxes relacionadas