A Xunta subliña o carácter innovador da empresa Nanogap e destaca os seus avances a nivel mundial

O director de XesGalicia, Rubén Aguión, visitou esta mañá as instalacións desta compañía apoiada polo Goberno galego desde 2012

Ames (A Coruña), 4 de marzo de 2021

O director de XesGalicia, Rubén Aguión, visitou esta mañá as instalacións da empresa Nanogap en Ames xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do concello, José Miñones, e destacou o carácter innovador desta empresa.

Apoiada desde o ano 2012 pola Xunta, a través do fondo Galicia Innova Tech para fomentar o proceso de transferencia do laboratorio ao mercado, financiamento da industrialización da súa tecnoloxía e desenvolvemento de aplicacións comerciais, Nanogap dedícase ao desenvolvemento de nanomateriais personalizados para a industria química, petroquímica e electrónica.

O director de XesGalicia destacou os avances da compañía a nivel internacional, xa que vén de desenvolver unha tecnoloxía única a nivel mundial –clústeres cuánticos atómicos– con múltiples aplicacións. Destaca, por exemplo, o seu uso na produción de hidróxeno verde, como peza clave no proceso de produción, xa que se obtén un rendemento e unha conversión superior que coas tecnoloxías actuais.