A Xunta financia a mellora integral do patio interior do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo

O delegado territorial, Luis López, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a directora do centro supervisan esta actuación, orientada a gañar espazo de lecer para os alumnos, sobre todo nas xornadas con climatoloxía adversa

A remodelación, na que se investiron 13.000€, permitiu acondicionar o chan, reforzar a cuberta, acometer un pintado xeral, acolchar paredes e columnas e dotar a esta contorna de elementos de xogo

Cerdedo-Cotobade, 4 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia financiou a mellora integral do patio interior do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo, que consistiu na realización de diversas obras para acondicionar axeitadamente este lugar e gañar espazo de lecer e para actividades educativas a cuberto, especialmente nas xornadas con choiva ou climatoloxía adversa.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisaron esta reforma acompañados pola dirección do centro e por membros do goberno local.

A actuación, na que se investiron 13.000€, permitiu recuperar un espazo interno que presentaba algunhas deficiencias e que se renovou por completo co acondicionamento do chan, o reforzo e corrección dalgunhas filtracións na cuberta, o pintado xeral de todo o patio, o acolchamento de paredes e columnas para minimizar o risco de accidente e a dotación de diversos elementos de xogo, entre outras melloras.

“Cremos que esta obra era moi necesaria, xa que tiñamos unha contorna no corazón do colexio que estaba desaproveitada e que agora está chea de vida e en moi boas condicións para ser empregada polos cativos, sobre todo nas xornadas máis duras do inverno, polo que melloramos e moito a confortabilidade das instalacións”, detallou Luis López.

O representante autonómico quixo destacar o “esforzo constante e continuo que estamos a despregar dende a Xunta hai moitos anos nos centros educativos, tanto con obras de gran calado como con outras máis pequenas, como este caso de Cerdedo, pero que supoñen unha mellora substancial dos espazos e da calidade da ensinanza”.

Imaxes relacionadas