A Xunta aproba o primeiro Plan xeral de xestión e mellora dos servizos públicos do sector autonómico galego 2021-2023

Feijóo sinala que contará con 26 medidas prioritarias repartidas en 10 eixos, que se desenvolverán nos vindeiros 3 anos e serán aplicables tanto á Administración xeral da Xunta como ás entidades instrumentais autonómicas

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación do primeiro Plan xeral de xestión e mellora dos servizos públicos do sector autonómico galego 2021-2023, que contará con 26 medidas prioritarias repartidas en 10 eixos. Desenvolverase, explicou, nos vindeiros tres anos e será aplicable tanto á Administración xeral da Xunta como ás entidades instrumentais autonómicas.

En relación coas medidas concretas que contempla o dito plan, Feijóo avanzou actuacións no eido da simplificación, como a revisión dos procedementos para suprimir os que sexan innecesarios, acurtar prazos ou universalizar e dixitalizar a súa tramitación. Tamén actuacións na xestión de políticas públicas, con ferramentas para avaliar a implantación dunha iniciativa desde o momento en que se planifica ata a súa implantación.

Así como actuacións no ámbito da xestión do persoal, cun rexistro de actividade para analizar a carga de traballo dos empregados públicos, coa mellora da súa formación en materia de calidade, e o seguimento das actividades realizadas a través do teletraballo. Ademais de medidas en transparencia e atención ao cidadán, actualizando e ampliando portais de transparencia, cun seguimento máis exhaustivo das queixas e a creación dun portal de participación cidadá. E, por último, solucións como plans de actuación para mellorar a xestión de entidades instrumentais ou a revisión das súas webs.

En definitiva, “Seguimos traballando nunha intensa labor de simplificación da xestión e de transparencia na Administración autonómica que financian os galegos a través dos seus impostos”, sinalou, logo de lembrar que esta norma profunda nos principios contidos na recentemente aprobada Lei de simplificación e reactivación económica ou da Lei de garantía de calidade dos servizos públicos xa aprobada en 2015.
 

Imaxes relacionadas