Fernández-Tapias destaca a creatividade, enxeño e talento do alumnado do IES Carlos Casares de Vigo, gañador do cartel do 8-M

A delegada territorial visitou hoxe aos escolares de 1º e 2º de ESO deste centro vigués aos que puido felicitar polo seu traballo “Séculos de loita para unha sociedade xusta, democrática e igualitaria” e coñecer outros dos seus proxectos

O cartel será utilizado pola Xunta para a conmemoración do Día Internacional da Muller e outras accións de sensibilización e promoción da igualdade en Galicia
 

Vigo, 4 de marzo de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o IES Carlos Casares para felicitar ao alumnado de 1º e 2º de ESO que resultou gañador do concurso do cartel da campaña autonómica do 8 de Marzo.

A proposta baixo o título de “Séculos de loita para unha sociedade xusta, democrática e igualitaria” recibiu o primeiro premio na categoría con maior diversidade de traballos presentados e focalizada especialmente no camiño que aínda queda por percorrer en prol da igualdade e as profesións.

Así, Fernández-Tapias puido compartir cos autores as súas reflexións sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, e felicitarlles pola súa creatividade, enxeño e talento. Asemade, tivo unha especial mención para os participantes de 4º da ESO do CPR Santo Tomás do Porriño, recoñecidos pola presentación do cartel “Abraza a Igualdade” no que abordan a solidariedade entre mulleres e o empoderamento feminino.

Os carteis gañadores serán adaptados para ser utilizados pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. O concurso forma parte das actuacións que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Imaxes relacionadas