A Xunta inicia o 50 aniversario do Museo do Castro de Viladonga cunha mostra sobre o patrimonio cultural e natural da Vía Rexia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición, que remata en novembro

O Museo realizou un traballo de campo e de investigación histórica sobre as orixes do itinerario que se combinan con poemas de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal

Este 2021 conmemóranse medio século de escavacións no Castro, para o que a Xunta ultima un programa de actividades que amosarán o traballo deste tempo

Lugo, 4 de marzo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Itinerario do Camiño Real do Norte. Do Castro de Viladonga a Lugo, a nova mostra coa que a Xunta de Galicia divulga o patrimonio cultural e natural do itinerario coñecido como Vía Rexia, e coincidindo co 50 aniversario do inicio das escavacións no Castro.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a exposición é posible grazas ao labor do Museo do Castro de Viladonga cunha escolma bibliográfica e investigación histórica, así como un intenso traballo de campo que permitiu poñer en valor un trazado histórico “cun valor cultural e natural innegable e amplamente documentado”, indicou.

A nova exposición aberta ao público hoxe combina paneis informativos con materiais audiovisuais que fan un percorrido literario con poemas de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. A mostra inclúe, entre outros asuntos, a rede de camiños rurais de Galicia desde a Prehistoria ata a actualidade, o papel da Vía Rexia, así como ao redor dos vestixios do castro de Viladonga. Ludrio, Duancos, Mondriz ou os Lagos de Teixeiro teñen tamén cabida na exposición, onde, ademais, se afonda nas orixes históricas da entrada a Lugo a través da ponte da Chanca. Do Castro de Viladonga a Lugo pode visitarse ata novembro no Museo do Castro de Viladonga de luns a domingo de 10,00 a 20,00 horas.

Durante o acto, o secretario xeral de Cultura puxo de manifesto, ademais, a importancia deste 2021, ano no que se conmemoran 50 anos de escavacións no Castro, para o que a Xunta está a ultimar unha programación que permitirá coñecer en profundidade os traballos e investigación realizada durante este tempo.

Nova lei de museos

Anxo M. Lorenzo salientou o papel dos museos galegos que están a adaptarse aos protocolos fixados en cada momento pola nova situación sanitaria “mantendo e mesmo reforzando a súa función cultural e de divulgación”. “Verase impulsada aínda máis nos próximos anos coa recentemente aprobada Lei de Museos que fomentará a investigación e innovación nestes centros como pezas clave do seu traballo”, explicou.

Imaxes relacionadas