A Xunta apoia catro actuacións de mellora e conservación do patrimonio natural e cultural en concellos da reserva da biosfera As Mariñas coruñesas

O delegado da Xunta comprobou o resultado das obras na fraga do Xario de mellora das condicións ecolóxicas e ambientais das sendas existentes, nas que o Goberno galego achegou preto de 73.000 €

A nova convocatoria de axudas para o 2021 conta cun orzamento de 600.000 euros e as entidades locais interesadas en acollerse ás mesmas dispoñen ata o 6 de marzo para presentar a solicitude
 

Miño (A Coruña), 4 de marzo de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou unha das actuacións que se realizou ao abeiro da orde pola que se establecen as axudas para a execución de actuacións de mellora e conservación das reservas da biosfera de Galicia. Concretamente na reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas leváronse a cabo, o ano pasado, catro actuacións nos concellos de Miño, Abegondo, Paderne e Aranga que contaron cunha achega total de preto de 73.000 euros. Concretamente, executouse a mellora do centro de recepción de visitantes de Abegondo, actuacións na ría de Betanzos en Paderne, a mellora das sendas de Miño e elaborouse un estudo sobre a conservación do castiñeiro en Aranga.

Trenor lembrou que estas axudas serven para sufragar os gastos derivados de estudos e investimentos vinculados á conservación, a recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e para a sensibilización ecolóxica nos espazos que forman parte da rede de reservas da biosfera de Galicia. Ao abeiro destas achegas poden subvencionarse o 100% do importe do proxecto a executar, ata un máximo de 30.000 euros.

O delegado da Xunta lembrou que o pasado 5 de febreiro se abriu a nova convocatoria para o ano 2021, que está dotada con 600.000 euros. Os concellos interesados en beneficiarse dela dispoñen ata o 6 de marzo para presentar as solicitudes.

Nese sentido, invitou aos concellos beneficiarios a participar na mesma e incrementar os logros obtidos nas dúas convocatorias anteriores (a de 2019 e 2020), grazas ás cales se levaron a cabo 44 proxectos cun investimento total de preto de 840.000 euros .

Por último, recordou que estas axudas non son ás únicas que se habilitan desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para conservar o medio ambiente e a biodiversidade, xa que tamén convoca outras liñas de incentivos, como son as destinadas a actuacións nos parques naturais e ámbitos de Rede Natura 2000.
 

Imaxes relacionadas

Documentos relacionados