A Xunta pon en marcha na Cidade da Cultura un programa anual de residencias artísticas para afianzala como viveiro creativo

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a primeira edición que implica ao Centro Dramático Galego e os colectivos RPM, CHARCO e AÏS

Unha comunidade internacional de artistas desenvolverá proxectos musicais, escénicos, audiovisuais, performativos, literarios e de danza

O Gaiás pon os seus espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo dos artistas que acolla para que poidan desenvolver novas iniciativas culturais

Santiago de Compostela, 4 de marzo 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Cidade da Cultura o lanzamento de REGA: Residencias artísticas no Gaiás, o novo programa da Xunta de Galicia para impulsar a creación artística. A través desta liña de traballo, a Cidade da Cultura porá os seus espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo de creadores de dentro e fóra da nosa Comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade incidiu no feito de que a Cidade da Cultura xa ten consolidada a súa “relevante faciana como escaparate e escenario para a proxección de iniciativas culturais de dentro e fóra de Galicia” e agora o que se procura é abrir “unha nova e importante liña de traballo coa intención de potenciala como factoría creativa onde agromen novas e interesantes iniciativas, moitas delas impensables sen estas anovadoras sinerxias”.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo puxo en valor os espazos, recursos materiais e apoio de equipos técnicos que a Cidade da Cultura lles facilita aos artistas que participan, tanto nestes cinco proxectos que se desenvolverán en 2021 como nas vindeiras convocatorias, lembrando a vocación de continuidade das REGA para consolidarse como unha das liñas de programación máis importantes do Gaiás.

Na presentación da iniciativa, anual e con vocación de permanencia, tamén estiveron o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, quen remarcou o carácter "multidisciplinar", xa que abranguerá proxectos vencellados coa música, coa escena, coa danza, coas artes performativas e visuais ou coa literatura "co obxectivo de afianzar o Gaiás como viveiro creativo", a través de coproducións e unha ampla rede de colaboracións con institucións e colectivos.

Participación de medio cento de artistas

Así, as REGA arrancan nesta primeira edición de 2021 co impulso por parte da Xunta de Galicia de cinco convocatorias nas que participarán preto de medio cento de artistas. As primeiras residencias xa en marcha son Clásicas desfeitas, unha coprodución escénica e musical co Centro Dramático Galego (CDG), e RESIS, vencellada coa danza e co audiovisual e que conta coa colaboración do colectivo cultural AÏS.

Seguiranlle no verán a Residencia literaria, dirixida polo escritor galego Javier Peña, e as Paraíso, estadías creativas ao redor da danza e da arte en acción contemporáneas, que contan tamén coa Agadic, a través do CDG, como a principal patrocinadora. Completan este novo programa as Residencias CHARCO, vencelladas coa arte contemporánea e co colectivo cultural do mesmo nome que procura nas súas accións o intercambio creativo entre artistas dos dous lados do Atlántico.

Toda elas foron presentadas hoxe nun acto no que, ademais de Anxo M. Lorenzo e Jacobo Sutil, tamén estiveron representantes das institucións e entidades implicadas nas REGA 2021: Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego (CDG); Félix Fernández e Susana González, dos colectivos RPM e CHARCO, respectivamente; Hugo Gómez Chao, da asociación cultural AÏS e director artístico do Festival de música contemporánea Resis; e Javier Peña, escritor e director das residencias literarias que completan este programa.

Cinco residencias

Unha das primeiras residencias en poñerse en marcha este 2021 son as Clásicas desfeitas, unha aposta para incentivar a creación e o traballo dunha trintena de músicos, artistas e técnicos da escena, a partir da adaptación de textos clásicos coñecidos e a través da coprodución do Centro Dramático Galego (CDG). Neste caso, o resultado creativo final, ao concluír as residencias, darase a coñecer ao público en catro presentacións.

Deste xeito, os días 13 e 14 representarase nas Torres Hejduk o Volume I no que a compañía Nononon Lab adaptará textos de Prometeo, Fausto e Frankenstein. Ademais, o 21 de marzo o pianista e compositor Pablo Seoane dirixirá o Volume II, que baixo o título de Phármakon aglutinará relatos de Antígona, Medea e As Bacantes. Por último, o 28 de marzo Gena Baamonde, Rut Balbís e Manu Lago poranse ao fronte do Volume III baseado en fragmentos de Orlando, A consagración da primavera e O mito de Sísifo.

Outra das residencias que xa está en marcha desde esta semana é RESIS, que se fai en colaboración co colectivo AÏS. Nela, a creadora visual Verónica Vicente xunto a performers e á compositora Macarena Montesinos están a gravar estes días unha peza de videoarte. Esta creación audiovisual será presentada no RESIS Festival, certame anual de música contemporánea e artes vivas, que se celebra na Coruña en maio, e tamén poderá verse dentro da programación do Día dos Museos 2021 do Gaiás, que se festexa nese mesmo mes.

Residencia literaria

O escritor e director do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, Javier Peña, encargarase deste proxecto, que se levará a cabo a primeira quincena de xullo. Está concibida para o desenvolvemento e mellora de proxectos persoais de narrativa, e dirixida a creadores emerxentes. Os participantes (oito prazas para menores de 35 anos e dúas sen límite de idade) comprométense a presentar un proxecto orixinal para o traballo e posta en común durante os días de Residencia literaria.

O programa baséase no intercambio e na posta en común de experiencias cos participantes e autores convidados de Galicia e de fóra, e contará cun programa de actividades, como visitas a Casa-Museo de Rosalía Castro ou a Fundación Camilo José Cela, entre outras. A convocatoria para aquelas persoas que desexen participar lanzarase a finais deste mes.

Residencias ‘Paraíso’ e ‘CHARCO’

No verán tamén se celebrarán as Paraíso, que contan coa colaboración do colectivo cultural RPM que xa as leva organizado en diferentes institucións culturais do territorio galego e que ten na Xunta, a través da Agadic, a súa principal patrocinadora. Na edición deste ano, dentro das REGA centraranse na danza e arte en acción contemporáneas en dúas residencias que terán lugar no Salón Teatro, durante unha semana, e na Cidade da Cultura outras dúas semanas.
Finalmente, está previstas as CHARCO, en colaboración co colectivo cultural do mesmo nome. Nestas residencias estableceranse accións culturais ao redor da arte contemporánea. Nesta edición o país elixido é México, polo que dúas artistas mexicanas residirán en Santiago de Compostela e traballarán na elaboración dunha obra que se exporá no Gaiás para logo exhibirse fóra de xeito itinerante. Ao mesmo tempo, dúas artistas galegas terán a posibilidade de viaxar a México e expor o resultado da súa estadía en institucións do país.

A temática na que traballarán en Galicia estará vencellada co Camiño de Santiago e o fenómeno do Xacobeo coa idea de que a conexión entre territorios e ao vínculo histórico migratorio propiciando un contexto estimulante para a creación visual.

Imaxes relacionadas