O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, compareceu a petición propia na Comisión 5ª da Cámara galega

Galicia conta con casas niño no 75% dos concellos con menos de 5.000 habitantes sen outros recursos de conciliación

A Xunta publicará a semana que vén unha nova orde coa que procura chegar ao 100% dos municipios

Actualmente hai 77 casas niño que achegan un servizo de conciliación gratuíto a familias de case 400 nenas e nenos das catro provincias

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe, durante nunha comparecencia no Parlamento galego, que Galicia xa conta con casas niño no 75% concellos con menos de 5000 habitantes que carecen doutros recursos de conciliación.

Na súa intervención, que realizou a petición propia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego da Cámara galega, Jacobo Rey salientou que, transcorridos cinco anos desde a implantación da primeira casa niño en Galicia, “os datos confirman que o resultado ata agora é moi satisfactorio”. Por esta mesma razón, informou que a próxima semana se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova orde de axudas para poñer en marcha máis centros e, deste xeito, chegar ao 100% de municipios que reúnen as características especificadas na convocatoria.

77 casas niño

O director xeral explicou que na actualidade están en funcionamento 76 casas e que hoxe mesmo se comunicou o inicio dun novo servizo no concello ourensán de Verea, que elevará a cifra a 77. Estas axudas permiten ofrecer un servizo de conciliación gratuíto a familias de case 400 nenas e nenos de entre 0 e 3 anos de idade.

En Galicia hai 95 concellos que reúnen os dous requisitos para poder albergar un servizo deste tipo: ter unha poboación inferior a 5.000 habitantes e carecer dun recurso de atención á infancia de carácter público. Deles, 71 xa dispoñen de, polo menos, unha casa niño e 6 contan xa con dúas.

Con esta medida impúlsase unha atención á infancia próxima e de calidade, ademais de promover fórmulas de autoemprego e economía social, que son de gran utilidade para a fixación de poboación no territorio.

Máis de dous millóns de euros

Nesta liña, Jacobo Rey puxo en valor que a Xunta de Galicia reservou 2,15 millóns de euros nos Orzamentos deste ano para seguir apoiando e ampliando estes servizos de conciliación. Do total deste importe, 1,8 millóns de euros son para o mantemento dos centros xa existentes, e 300.000 euros para a creación doutros novos.

O Goberno galego ofrece unha axuda inicial de ata 15.000 euros en investimentos para adaptar o espazo no que estará emprazada a casa, e unha achega económica anual de 19.600 euros para desenvolver o proxecto durante os tres primeiros anos. Unha vez transcorrido este tempo, as casas niño que o solicitan poden acceder a unha orde de axudas que lles permite elevar a achega a 22.000 euros anuais para o seu mantemento.

Imaxes relacionadas