A Xunta avanza un investimento de máis de 1 millón de euros no acondicionamento da estrada autonómica PO-546 entre Pontevedra e Marín, na zona de Estribela

O departamento de Infraestruturas traballa na redacción do proxecto de acondicionamento da estrada, prevendo dispor do documento a mediados de ano para iniciar a súa supervisión técnica, que podería requirir de expropiacións

A actuación centrarase con maior intensidade entre os puntos quilométricos 4+430 e 4+890, zona con beirarrúas moi estreitas entre edificacións ou fortes desniveis

Francisco Menéndez destaca o investimento da Xunta na mellora das estradas autonómicas no municipio de Pontevedra, que suma preto de 7 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021

A Xunta avanza un investimento de máis de 1 millón de euros no acondicionamento da estrada autonómica PO-546 entre Pontevedra e Marín, na zona de Estribela. Así o sinalou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na súa intervención na Comisión 2ª no Parlamento de Galicia.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas indicou que a Xunta ten previsto actuar a curto prazo nunha 1ª fase de acondicionamento da coñecida, tamén, como a estrada vella Pontevedra-Marín, para o que espera ter redactado a mediados de ano este proxecto, e iniciar a súa supervisión técnica. Trátase dunha intervención que, segundo dixo, probablemente requira de expropiacións.

Precisou que o proxecto na zona de Estribela céntrase con maior intensidade entre os puntos quilométricos 4+430 e 4+890 desta estrada. É unha zona con beirarrúas moi estreitas entre edificacións ou fortes desniveis, polo que a intervención e a ampliación da plataforma é especialmente complexa, debendo reforzarse as estruturas de sostemento da propia estrada, debido aos fortes desniveis.

Lembrou ademais que a Xunta ten en marcha unha reparación de urxencia das beirarrúas desta estrada, para favorecer a accesibilidade, mentres non se executa o proxecto que está en redacción. Ao tempo, o departamento de Infraestruturas segue a acometer os labores de limpeza, sega, renovación de pintura, no marco da programación global da conservación da rede autonómica de estradas.

O titular da Axencia Galega de Infraestruturas puxo en valor o forte investimento que se está a realizar nas estradas autonómicas ao seu paso polo concello de Pontevedra, que con esta actuación na PO-546 suman case 7 millóns de euros de investimento autonómico. A isto, subliñou, hai que engadir as obras da primeira fase do hospital público Gran Montecelo, adxudicadas pola Xunta o pasado luns por preto de 122 millóns de euros.

Citou como exemplos das últimas intervencións realizadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta a senda na PO-225 en Alba, a mellora da seguridade viaria na PO-531 na Devesa, ou a reparación da Ponte da Barca.

Referiuse tamén aos investimentos previstos na senda na PO-531 na Devesa, licitada en decembro de 2020, cun investimento máis de 800.000; así como aos proxectos sometidos a información pública e en proceso de supervisión técnica da senda na PO-223, entre A Piolla, O Couso e Sobral, con 975.000 euros de investimento; e á mellora da seguridade viaria da intersección das estradas PO-223 e PO-224 en Xeve, á que se destinarán 850.000 €.

Tamén citou os proxectos de mellora da seguridade viaria na PO-532 e a senda na PO-542, ambas as dúas ao seu paso por Pazos. Estes proxecto, sometidos a información pública e en proceso de supervisión técnica, prevén un investimento de 830.000 € e 340.000€ respectivamente.