A Xunta destaca que os usuarios do transporte marítimo na ría de Vigo aumentaron nun 80% desde 2015 grazas ás bonificacións de ata o 65% no prezo e á gratuidade para menores de 21 anos

Ignacio Maestro detalla que os usuarios dos servizos marítimos teñen os mesmos beneficios que os do autobús grazas á integración do barco na Área de Transporte Metropolitano de Vigo, operativa desde 2015

Subliña que os billetes expedidos polas navieiras pasaron de 685.000 en 2015 a máis de 1,2 millóns en 2019, antes das restricións como consecuencia da covid

Remarca que a Xunta destina máis de 600.000 euros anuais ás bonificacións nas tarifas das viaxes no transporte de ría
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia que o transporte marítimo na ría de Vigo, que inclúe bonificacións de ata o 65% nas tarifas das viaxes, incrementou nun 80% os usuarios desde a integración en 2015 no Plan de Transporte Metropolitano.

Ignacio Maestro precisou que aínda que a lexislación limita as competencias autonómicas para intervir sobre a oferta do transporte marítimo, a Xunta dotou este servizo de seguridade xurídica e integrouno na Área de Transporte Metropolitano de Vigo, beneficiando directamente aos usuarios.

Precisou que grazas a esta adhesión, os usuarios dos servizos marítimos contan coas mesmas vantaxes económicas que os do transporte metropolitano, remarcando que os billetes expedidos polas navieiras experimentaron un forte incremento, pasando dos 685.000 en 2015 a 1,2 millóns en 2019, antes de que se producisen restricións na mobilidade como consecuencia da pandemia.

O director xeral de Mobilidade puntualizou que a pesar destas restricións derivadas da covid-19, a cifra total de viaxeiros do ano 2020 superou en case 4.000 aos usuarios do ano 2015.

Destacou que o Goberno galego destina máis de 600.000 euros anuais ás bonificacións implantadas nas tarifas das viaxes do transporte de ría.

Así, precisou que o billete do barco entre Cangas e Vigo custaba 2,60 euros antes da integración do servizo na Área de Transporte Metropolitano de Vigo, e hoxe custa 2,25 en efectivo, pero 1,34 coa tarxeta TMG e 1,16 aos usuarios recorrentes, rexistrando os prezos unha redución de ata o 65%.

Ignacio Maestro apuntou que a integración dos servizos marítimos na Área de Transporte Metropolitano tamén está a beneficiar aos usuarios que empregan o autobús para chegar ao peirao de Cangas, pois despenalízanse os transbordos.

Puxo como exemplo que unha viaxe entre Aldán e Vigo, collendo o autobús e despois o barco, custa 1,34 euros fronte aos 3,90 que sumaba antes da aplicación das tarifas do Plan de Transporte Metropolitano.

Fixo fincapé en que máis de 17.000 menores de 21 anos da área de Vigo tamén poden viaxar gratis no transporte marítimo grazas ao emprego da tarxeta Xente Nova impulsada polo Goberno galego.

Subliñou que todas estas medidas postas en marcha pola Xunta están a contribuír á economía das familias e a facilitar a súa mobilidade.

Maestro explicou que a Xunta carece de potestade legal para intervir sobre a oferta de servizos, que en todo caso é ampla, incluíndo 62 expedicións de ida e volta os días laborables entre Cangas e Vigo Entre Moaña e Vigo, referiu 32 expedicións en días laborables. Engadiu que o pasado 27 de febreiro foron restablecidas as frecuencias entre Cangas e Vigo suspendidas temporalmente con motivo das limitacións da mobilidade e se agarda que aconteza o mesmo con Moaña nos vindeiros días.