A Consellería de Medio Ambiente aproba de forma inicial o Plan básico municipal do concello de San Xoán de Río

Con este son xa tres os municipios que superan este trámite e continúan avanzando co fin de dotarse deste instrumento básico de ordenación urbanística

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse esta mañá co alcalde do municipio ourensán, José Miguel Pérez, para notificarlle os últimos avances na tramitación do PBM
 

San Xoán de Río (Ourense), 3 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou hoxe inicialmente o Plan Básico Municipal (PBM) de San Xoán de Río, que se converte no terceiro concello galego, despois do Páramo e Triacastela, en conseguir superar este trámite para dotarse deste novo instrumento de ordenación, previsto na Lei do solo de 2016.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse hoxe co alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, para notificarlle a sinatura da orde de aprobación inicial do PBM, unha ferramenta pensada para concellos de menos de 5.000 habitantes sen planeamento (un total de 37 municipios galegos) co fin de poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Cómpre lembrar que para axudar e motivar a estes municipios a tramitar un Plan Básico, a Xunta decidiu asumir directamente a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito concellos, que xa teñen nestes momentos moi avanzada a tramitación dos seus respectivos PBM (Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela e San Xoán de Río).

Deste primeiro grupo de municipios, San Xoán de Río é o terceiro en conseguir a orde de aprobación inicial da Xunta e o primeiro que a acada na provincia de Ourense, dando así un paso importante de cara a dotarse do seu marco propio en materia urbanística.

Neste sentido, o PBM do Concello delimita un total de 49 núcleos rurais e recolle todas as dotacións existentes na actualidade así como aquelas categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre San Xoán de Río.

O plan aprobado hoxe inicialmente tamén identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural do concello e, a maiores, inclúe outros elementos que, polas súas singulares características ou valores arqueolóxicos ou arquitectónicos, son merecedores dunha consideración e protección especial. Concretamente, no documento se cataloga un elemento de tipo paisaxístico (o BIC correspondente coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra), 10 elementos de tipo arqueolóxico e 14 de tipo arquitectónico.

Unha década a prol do urbanismo responsable

A tramitación dos primeiros Plans Básicos Municipais enmárcase no esforzo realizado na última década pola Xunta para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe.

Desde o ano 2009 aprobáronse instrumentos normativos e medidas para cumprir este reto, como as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral, a Estratexia da Paisaxe Galega ou o Plan Básico Autonómico; e dotouse á comunidade dunha nova Lei do Solo e, máis recentemente, da Lei de Ordenación do Territorio.

Así mesmo, a Xunta tamén apoia técnica e economicamente aos concellos que apostan por redactar un plan xeral de ordenación municipal, polo que no ano 2021 disporá de 3,2 millóns de euros en axudas aos concellos que redacten o seu propio PXOM e seguir incrementando así a lista de 108 municipios que dispoñen nestes momentos dun planeamento adaptado á normativa vixente.

Neste sentido, seguirase avanzando tamén na tramitación dos outros Plans Básicos Municipais que xa superaron o trámite ambiental, co obxectivo de que poidan ser aprobados inicialmente o antes posible, unha situación na que estarían Ribeira de Piquín, Riotorto e Trabada (provincia de Lugo) e Cartelle, Padrenda e Porqueira (Ourense).

De igual xeito, un segundo grupo de nove concellos con menos de 5.000 habitantes (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) están xa a impulsar os primeiros traballos que implica a redacción dun PBM, concretamente, a obtención da súa cartografía, polo que se espera que en 2021 reciban tamén un pulo definitivo.
 

Imaxes relacionadas