O presidente da Xunta participou no acto de presentación do libro Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Parto Bazán

Feijóo salienta o impulso fundamental de Emilia Pardo Bazán na historia "inacabada" da igualdade real entre homes e mulleres

Destaca que, neste centenario, a Xunta desenvolverá unha completa programación de actividades para enxalzar a figura de Pardo Bazán e o seu papel de pensadora libre e creadora de primeiro nivel

Incide en que o legado da autora non esmorece, como non o fai a necesidade de reivindicar un feminismo democrático cuxa influencia é permeable a todos os recunchos da sociedade

Vigo, 3 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o impulso fundamental de Emilia Pardo Bazán na historia “inacabada” da igualdade real entre homes e mulleres.

Durante o acto de presentación do libro Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Parto Bazán, Feijóo lembrou que Pardo Bazán soubo interpretar con acerto e abandeirar con empuxe unha causa que concerne a todos, por riba de pensamentos ou ideoloxías.

“Na súa vida e na súa obra subxacen as ideas de igualdade, emancipación económica, educación ou a loita contra a violencia de xénero”, dixo, subliñando que o libro das profesoras Marilar Aleixandre e María López Sández, editado por Galaxia, concentra “magnificamente” os piares dun feminismo precursor, pero plenamente vixente nos nosos días.

“Marilar e María regálannos o retrato dunha muller libre que non se conforma coa súa liberdade. Quere estendela, compartila, deixar de ser unha excepción naquela sociedade onde só unhas poucas privilexiadas tiñan a posibilidade de emanciparse. Máis alá de mellorar o estatus feminino, dona Emilia ambiciona chegar a un estadio máis alto no que a muller marque o seu destino”, expuxo.

Feijóo aproveitou o acto para avanzar que, neste centenario, a Xunta desenvolverá unha completa programación de actividades para enxalzar a figura de Pardo Bazán e o seu papel de pensadora libre e creadora de primeiro nivel. Así, celebraranse dous congresos internacionais en colaboración coas tres universidades galegas e coa Real Academia Galega (RAG); e unha gran exposición que, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España (BNE), Acción Cultural Española e a Comunidade de Madrid, irá de Madrid a Coruña, con máis de 200 pezas da BNE e da RAG, así como de fondos públicos e privados.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo galego incidiu en que o legado da autora non esmorece, como non o fai a necesidade de reivindicar un feminismo democrático cuxa influencia é permeable a todos os recunchos da sociedade, e que por tanto non debera cinguirse a un só día, nin a un só ano.

Feijóo concluíu aseverando que o feminismo é encontro, non trincheira. “A suma de persoas e enerxías aproxímanos cada vez máis a unha sociedade sen discriminación de xénero. O tempo acabará quitando razóns aos que intenten obstaculizar os cambios a prol da igualdade ou aos que intentan esquivar a realidade obxectiva con eufemismos; e, tamén, porá no seu sitio aos que se apropian do feminismo e o queren reducir a unha arma de confrontación política para fomentar a división”, dixo.

Sobre este punto, subliñou que feminismo e galeguismo son a evidencia de que os “ismos” máis consistentes e transformadores son aqueles que agrupan, suman e multiplican. “Dona Emilia sumou sen cesar á súa causa a mulleres e homes amantes da liberdade, que soñaron un mundo que se parece a este no que estamos, por máis que estean pendentes logros polos que é necesario loitar como fixeron eles: todos xuntos”, sentenciou.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta