A Xunta adxudica por preto de 2,3 millóns de euros a execución do novo tanque de tormentas en Cabanas para completar o saneamento da ría de Pontedeume

A actuación, cun prazo de execución de 12 meses, consiste na construción dun tanque con saída de bombeo cara á depuradora de Centroña

A infraestrutura enmárcase na mellora de saneamento entorno ao esteiro de Eume, nos concellos de Cabanas e Pontedeume, cun investimento global de 8,6 M€

O novo colector interceptor de Pontedeume e a renovación do abastecemento no treito afectado poñerase en servizo na primeira metade deste ano

A Xunta acaba de adxudicar tamén a renovación do colector interceptor de Cabanas, por máis de 1,1 M€

Estas obras, no seu conxunto, teñen como obxectivo mellorar a calidade das augas e, en consecuencia, a calidade ambiental, o turismo, a pesca e o marisqueo
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras do novo tanque de tormentas de Cabanas, co obxectivo de completar o saneamento da ría de Pontedeume.

Este contrato foi adxudicado á empresa Extraco Construcións e Proxectos, S.A., por un investimento que rolda os 2,3 millóns de euros. Os traballos contarán cun prazo de execución de 12 meses.

Esta actuación céntrase na construción dun tanque de tormentas en Cabanas con saída de bombeo cara á estación depuradora de augas residuais de Centroña, que comparte este municipio co de Pontedeume.

O tanque irá soterrado a unha profundidade de 20 metros, nunha planta de 27 x 21 metros e disporá dunha capacidade de 52,68 litros/segundo. Desde este executarase unha impulsión de 450 metros de lonxitude para acadar a estación depuradora de Centroña.

A infraestrutura, que dará servizo a 7.100 habitantes de Cabanas, forma parte do proxecto de mellora de saneamento entorno ao esteiro de Eume, impulsado pola Xunta no municipio de Cabanas e no de Pontedeume, cun orzamento conxunto que rolda os 8,6 millóns de euros.

No Concello de Pontedeume, o proxecto avanza coa construción dun novo colector interceptor, máis adaptado ás necesidades actuais de saneamento e que contribúa a reducir as infiltracións de auga de mar e de augas brancas que chegan á depuradora.

Estas obras, que inclúen a renovación da rede de abastecemento no treito afectado polo novo colector, avanzan a moi bo ritmo e mantense a previsión de poñelas en servizo na primeira metade de 2021.

Paralelamente, a Xunta está a impulsar outra actuacións que completan o saneamento da ría. A renovación do colector interceptor de Cabanas tamén foi adxudicada xa o pasado mes de febreiro, por máis de 1,1 millóns de euros.

O obxectivo destes traballos é construír un novo colector ao longo de 1 quilómetro da fronte litoral de Cabanas, coincidindo co paseo da Madalena, co obxectivo de reducir as importantes entradas de auga de mar á rede que se producen na actualidade.

Estes traballos de saneamento na ría de Pontedeume contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Estas obras, no seu conxunto, teñen como obxectivo mellorar a calidade das augas e, en consecuencia, a calidade ambiental, e o turismo, a pesca e o marisqueo da zona.

A Xunta continúa apoiando aos concellos para que exerzan en mellores condicións as súas competencias de saneamento e depuración das augas.