A Xunta traballa para implementar a intelixencia artificial en todas as etapas do ensino en Galicia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presidiu a constitución do grupo de expertos, integrado por profesionais das tres universidades e docentes especializados no ámbito tecnolóxico, que deseñará as accións específicas neste campo para incorporar ao sistema educativo galego

O obxectivo é introducir a IA de forma transversal en todo o sistema, desde a base ata a universidade, con contidos curriculares específicos para as etapas superiores e formación integral do profesorado

Román Rodríguez subliñou que é imprescindible estar preparados para liderar os cambios tecnolóxicos “que van marcar o valor diferencial do noso sistema educativo do futuro”
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vai traballar para implementar a Intelixencia Artificial (IA) en todas as etapas do ensino en Galicia, como unha das liñas de acción enmarcadas na futura Estratexia Dixital de Galicia no horizonte 2030, coa que se dará resposta aos retos tecnolóxicos da educación da próxima década.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu esta mañá a constitución do Grupo de Expertos en Intelixencia Artificial que será encargado de deseñar a folla de ruta dos vindeiros anos no sistema educativo galego no que atinxe á innovación e ás competencias STEM (matemáticas, ciencia e tecnoloxía) vinculadas á IA.

O titular de Educación subliñou que a Intelixencia Artificial ten cada vez máis presenza en todos os ámbitos, como o económico ou o sanitario, e “o sistema educativo non pode permanecer alleo a este reto de futuro” que marcan as directrices nacionais e internacionais. “De aí que comecemos a traballar desde xa nas diferentes accións para integrar elementos da Intelixencia Artificial nos procesos educativos”, abondou o conselleiro, que subliñou que se trata dun reto “novidoso e imprescindible, xa que vai marcar o valor diferencial do noso sistema educativo do futuro”.

Enfoque transversal

A proposta da Consellería é abordar a Intelixencia Artificial cun enfoque transversal en todas as etapas educativas, desde a base do sistema en primaria ata a universidade, e co deseño de currículos específicos para as etapas superiores.

Isto implica o deseño de propostas curriculares completas que integren os contidos e competencias vinculados á IA, o desenvolvemento de materiais específicos e a dotación de equipamento para a integración curricular destas disciplinas. Así mesmo farase especial fincapé na formación integral do profesorado, para o cal tamén está previsto impulsar un novo marco de competencias dixitais para a comunidade educativa.

O grupo de expertos constituído hoxe, e que está formado por profesionais das tres universidades e docentes especializados en novas tecnoloxías que contan cunha ampla experiencia previa nas aulas, así como por técnicos da administración, será, en palabras de Román Rodríguez, “o laboratorio de ideas do que xurdirán as distintas accións específicas que despois teremos que aplicar no sistema”.

Cómpre lembrar que o sistema educativo galego conta xa cunha experiencia previa neste ámbito como a implantación do proxecto E-dixgal, de libro dixital, os programas de introdución á Robótica en Primaria, os Club de Ciencia, os Espazos Maker ou o Bacharelato STEM (Stembach). Moitos deles arrancaron como experiencia piloto e hoxe en día están consolidados.

O obxectivo agora é afianzar o camiño iniciado, pero reforzándoo con novas propostas transversais e integradas no traballo ordinario dos centros educativos.

No ámbito universitario, o Grupo de Expertos de Intelixencia Artificial está constituído por Francisco Javier Bellas (da Universidade da Coruña), Senén Barro (da Universidade de Santiago de Compostela) e Florentino Fernández (da Universidade de Vigo). En representación docente participan Mª Jesús Casado, profesora de matemáticas do IES Daviña Rei (Monforte) e coordinadora TIC; Xosé Viñas, profesor do IES David Buján (Cambre), que forma parte do Proxecto Dixit (para a elaboración de materiais para E-Dixgal, en coordinación con Amtega); e Concepción Fernández, profesora de formación do CAFI e responsable da Aula Nova-Space Maker. Así mesmo tamén participan representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Amtega.
 

Imaxes relacionadas