A Xunta adxudica por preto de 42.000 euros as obras para a execución dun paso de peóns semaforizado en Sobrán para mellorar a seguridade viaria neste barrio de Vilagarcía

A actuación atende a demanda formulada pola Asociación de Veciños Miramar

Nas vindeiras semanas iniciaranse os traballos, que estarán finalizados xa na primavera

O paso de peóns situarase no punto quilométrico 1+690 da estrada autonómica PO-549

Realizaranse obras complementarias para favorecer a visibilidade nese punto e ampliaranse as beirarrúas existentes para mellorar a accesibilidade

Vilagarcía de Arousa, 3 de marzo de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, acaba de adxudicar as obras para a instalación dun paso de peóns semaforizado en Sobrán, no entronque entre a rúa San Cibrán e a Avenida de Cambados de Vilagarcía de Arousa, para mellorar a seguridade vial neste punto da estrada autonómica PO-549.

Esta actuación, que atende a demanda formulada pola Asociación de Veciños Miramar, foi informada favorablemente polos servizos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas o pasado verán, realizándose posteriormente os trámites burocráticos necesarios e xestionando as correspondentes conexións co Concello de Vilagarcía de Arousa.

Este proxecto de reforzo da seguridade viaria suporá un investimento autonómico de case 42.000 euros. A previsión é que as obras comecen nas vindeiras semanas e que estean rematadas nesta mesma primavera.

Os traballos consisten na instalación dun paso de peóns semaforizado no punto quilométrico 1+690 da estrada autonómica PO-549, xunto con outras obras complementarias, como a ampliación das beirarrúas existentes para incrementar a visibilidade dos peóns á hora de cruzar a estrada e para mellorar a accesibilidade, coa a instalación de vaos peonís en ambas as marxes.

Así mesmo, procederase á supresión dun pequeno treito de aparcadoiro, entre os puntos 1+620 e 1+660, para reforzar as condicións de visibilidade. Converterase ese treito de 40 metros nunha cuña de aceleración para facilitar as manobras e outorgar máis seguridade aos vehículos que se incorporen á vía autonómica.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou que a Xunta de Galicia “cumpre cos seus compromisos, é sensible ás necesidades en materia de seguridade viaria e atende as xustas demandas dos veciños de Vilagarcía”. Resaltou que esta actuación “foi das primeiras que saíu adiante este ano, xa que, tan pronto como se procedeu á apertura técnica dos Orzamentos de 2021 a mediados de febreiro, activamos este proceso e en apenas tres semanas xa o temos adxudicado para que sexa unha realidade canto antes”.