A Xunta abre o prazo de solicitude de axudas para fomentar o autoconsumo nos fogares galegos

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación reserva dous millóns de euros a esta convocatoria de concorrencia non competitiva

Desde o luns está aberto o prazo para os particulares que queiran instalar proxectos de enerxías renovables térmicas como a biomasa, a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica

Entre as dúas liñas agárdase chegar a 1600 fogares, mobilizar 13,5M€, crear 140 postos de traballo e reducir as emisións o equivalente á acción de 250.000 árbores

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, abre hoxe o prazo para solicitar as axudas de autoconsumo dirixidas a particulares. En total resérvanse 2M€ para proxectos de fotovoltaica a través dunha convocatoria de concorrencia non competitiva. A contía dos apoios será dun 50% cun máximo de 25.000 euros por proxecto colectivo. Establécese unha axuda máxima por vivenda de 4000 euros que pode incrementarse ata os 5550 euros no caso de que se instalen baterías de litio. Agárdase mobilizar 4,5M€, aforrar 250.000 euros anuais, e 1750MWh ano, así como reducir as emisións en 600 toneladas de CO2 ao ano.

Ademais, desde o luns está aberto o prazo tamén para a convocatoria de axudas para a instalación de proxectos de renovables térmicas (biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica) á que se destinan 3,1M€. A contía destas axudas de concorrencia non competitiva será do 50%, agás no caso da aerotermia que será do 30%, cun máximo de 60.000 euros no caso de axudas para comunidades de veciños. Prevese mobilizar 9M€ e aforrar 650.000 euros anuais, ademais de reducir as emisións en 5000 toneladas de CO2 ao ano.

Con estas dúas liñas de axudas a Xunta pretende chegar a 1600 fogares galegos. En total, destínanse 5,1M€ coa previsión de mobilizar 13,5 millóns de investimento público-privado, xerar aforros económicos de 900.000 euros anuais nas facturas enerxéticas e aforros de enerxía de 18.500MWh ao ano, reducir 5600 toneladas de emisións de CO2 –o equivalente á acción de 250.000 árbores– e crear 140 postos de traballo.

No caso das dúas convocatorias, as solicitudes deberán presentarse a través das entidades colaboradoras por vía telemática. Os particulares terán o prazo aberto, para as dúas liñas, ata o 1 de xullo e a data límite de execución e xustificación será o 30 de setembro.

Balance

A Xunta leva anos apostando por promover o uso das enerxías renovables por parte de toda a sociedade, especialmente nos fogares. Así, o Goberno autonómico puxo en marcha, en 2014, a primeira convocatoria de apoios específica para biomasa que permitiu instalar, no período 2014-2020, un total de 7000 caldeiras cunha mobilización de 80M€ -a Vicepresidencia económica traballa xa na renovación da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa de cara a este período 2021-2025-. Desde 2015, ademais, ampliáronse os apoios a outras enerxías renovables térmicas como a xeotermia, a aerotermia a solar térmica e o autoconsumo eléctrico.

Froito destas convocatorias dirixidas aos particulares, no ano 2020, beneficiáronse 1711 fogares grazas a tres liñas de axudas (renovables térmicas, enerxía fotovoltaica e biomasa) que mobilizarán 12,5M€ e permitirán un aforro anual de 900.000 euros. Desde a súa posta en marcha estas axudas chegaron a 9000 fogares galegos, mobilizaron 56M€ e permitiron aforros anuais de 4,5M€ ás familias galegas.

A Xunta segue adiante co seu compromiso de conseguir unha Galicia máis verde a través de axudas que fomenten o uso das enerxías renovables e da eficiencia enerxética tanto nos fogares galegos, como nas administracións, empresas e entidades. Para conseguilo, o orzamento do Inega medra este ano un 33%.

Imaxes relacionadas