Luis López anuncia que a Xunta licitará esta primavera a construción da senda de Corón, na estrada autonómica PO-549, en Vilanova de Arousa

O delegado territorial realiza unha visita institucional ao municipio e mantén un encontro de traballo co alcalde, Gonzalo Durán, no que tamén se abordaron as sendas da PO-307 e PO-306, proxectos de humanización e melloras educativas

O representante autonómico tamén se achegou ata o obradoiro de emprego de hostalería, financiado pola Xunta con 346.000€, no Pazo de Vista Real para coñecer a evolución desta iniciativa formativa e laboral
 

Vilanova de Arousa, 2 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá en Vilanova de Arousa que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai sacar a licitación esta primavera a construción da senda peonil de Corón, na estrada autonómica PO-549 ao seu paso polo concello.

O representante autonómico explicou que a aposta da Xunta de Galicia pola humanización e a mobilidade no concello arousán “é decidida e por iso estamos preto de rematar coa senda da PO-306 entre a localidade e a rotonda da ponte coa Illa de Arousa, incluimos nos fondos europeos React-EU este proxecto en Corón e estamos a estudar as cuestións administrativas da solicitude en Caleiro, ao carón da estrada PO-307”.

Luis López informou destes avances ao alcalde, Gonzalo Durán, e ao tenente de alcalde, Javier Tourís, no marco dun encontro de traballo celebrado con motivo da primeira visita institucional do delegado territorial a Vilanova de Arousa.

Nesa reunión tamén se abordaron as solicitudes do Concello para desenvolver diversos proxectos de humanización co obxectivo de dotar de maior confortabilidade ao casco urbano, melloras educativas e de carácter social, centradas na ampliación da escola infantil e as Casas do Maior, proxectos vencellados á Consellería do Mar e tamén cuestións relacionadas con infraestruturas, como o Arquivo Municipal ou a Praza de Abastos.

Finalmente, a visita rematou no Pazo de Vista de Real, a onde se desprazou o delegado cos munícipes para coñecer a evolución do obradoiro de emprego de hostalería, financiado pola Xunta de Galicia dende hai tres meses con 346.000€ e que se prolongará ata finais de ano. “Cremos moito neste tipo de iniciativas laborais e formativas que, no caso de Vilanova, desenvólvense por partida dobre, xa que conta con outro obradoiro máis no lote de oito que se lle concederon este exericicio á bisbarra do Salnés”, rematou o representante autonómico.
 

Imaxes relacionadas