A Xunta pon en valor argalladas e brinquedos ecolóxicos dirixidos á infancia cos audiovisuais ‘Xoguetes naturais’

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe os cinco videotitoriais que animan ás familias a botar man da natureza para transmitir o coñecemento tradicional e dinamizar a lingua galega

O proxecto forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 e está accesible desde o Portal da Lingua Galega e a plataforma GaliciaLe
 

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe a iniciativa audiovisual Xoguetes naturais, incluída no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, coa que a Xunta de Galicia pon en valor as argalladas e os brinquedos ecolóxicos dirixidos á infancia.

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou que con esta iniciativa o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 “pon á disposición, especialmente das familias con cativada, un novo recurso destinado a promover o coñecemento tradicional e o emprego da lingua galega dun xeito lúdico”. Neste sentido, destacou que este proxecto “pon en valor a natureza ao tempo que se fomenta o galego como un dos alicerces do desenvolvemento sustentable que forma parte do patrimonio de noso, que cómpre coñecer e valorar, transmitir e fortalecer co uso”, destacou o secretario xeral na presentación.

Participaron canda el os autores do proxecto, Xosé López González e José Manuel García;, o director da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Jesús Torres, e o director de Ouvirmos, Xosé Aldea.

Primeiros videotitoriais ilustrativos de xoguetes tradicionais

Xoguetes naturais é unha colección de cinco videotitoriais de entre dous e catro minutos de duración cada un que constitúen o primeiro ciclo audiovisual dedicado á construción de xoguetes tradicionais de Galicia, no marco do repositorio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O proxecto audiovisual está inspirado nos libros Xoguetes naturais. Primavera-Verán e Xoguetes naturais. Outono-Inverno, dados ao prelo por Ouvirmos e realizados polos propios autores, Xosé López González e José M. García Fernández, dous expertos na materia que levan dedicados moitos anos a investigar sobre esta área do noso patrimonio cultural.

Cataventos, lanchiña, muíños, rinrán e estraloque

Nacidos dos compromisos co medio natural, coa recuperación e posta en valor do xogo popular e tradicional, co ocio activo dos adultos, a educación dos máis novos e a transmisión familiar da lingua galega, os vídeos mostran paso a paso como construír, con elementos naturais como a madeira ou as cunchas, os seguintes enredos: Cataventos, Lanchiña de casca de sepia, Muíño de salgueiro, Rinrán de noz e Estraloque de cardo.

Para completarmos algúns dos pasos, recoméndase en todos os casos a supervisión dunha persoa adulta. As pezas están dispoñibles en aberto desde o Portal da Lingua Galega e a platafoma GaliciaLe da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
 

Imaxes relacionadas