A Xunta achega 400.000 euros para incrementar a axuda no fogar para dependentes no concello de Poio nun 8,5% ata as 41.724 horas anuais

O delegado territorial, Luis López, mantén un encontro co alcalde, Luciano Sobral, e con traballadoras do SAF para informarlles das melloras nesta prestación e da alza de investimentos este ano en Servizos Sociais por parte do Goberno galego

A Consellería de Política Social reporta preto de 2 M€ anuais a Poio para os seus programas de atención, destacando a gratuidade de matrícula para segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís, con 150 beneficiarios, ou as 155 Tarxetas Básicas
 

Poio, 2 de marzo de 2021

A Consellería de Política Social vén de incrementar as horas e a achega económica para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia no Concello de Poio nun 8,5% ata alcanzar as 41.274 horas anuais de prestación, o que supón a aportación de 404.422 euros por exercicio dende o Goberno galego.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, explicou que no ano recén iniciado “concedéronse 463.000 horas máis de SAF para dependentes en 32 concellos da provincia, atendendo a criterios técnicos segundo as persoas en lista de agarda, o que supón un aumento orzamentario de 4,5 millóns de euros por parte de Política Social, que destinará neste exercicio 83 millóns á teleasistencia de persoas en situación de dependencia en toda Galicia”.

Este incremento na oferta deste servizo foi o motivo do encontro informativo que o representante autonómico mantivo esta tarde co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e coas traballadoras do SAF, aos que Luis López explicou as melloras nesta prestación por parte da Xunta e a alza de investimentos xeral en todos os Servizos Sociais. “É unha cuestión que obedece á necesidade de coidar os maiores, dependentes e persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión, máis ca nunca, polos adversos efectos socioeconómicos da crise sanitaria”, engadiu.

Así, o Concello de Poio dispoñía ata a data de 38.448 horas anuais de SAF de Dependencia financiadas pola Xunta de Galicia e outorgáronselle 3.276 máis, xa aplicables dende o presente ano, ata acadar as 41.724 cun incremento da partida procedente de Política Social de 31.777€.

2 millóns en servizos sociais

En total, a Consellería de Política Social reporta anualmente uns 2 millóns de euros para todos os programas e prestacións que se desenvolven nesta área no Concello de Poio, destacando especialmente a gratuidade da matrícula para segundos fillos e sucesivos nas escolas infantís, unha medida pioneira en toda España que cumpre o seu segundo curso vixente e que ten 150 beneficiarios en Poio, aproximadamente a metade dos matriculados nas garderías do municipio. Así mesmo, a Xunta tamén destina na actualidade a este termo uns 100.000€ para sufragar a Tarxeta Básica, que cubre gastos de persoas en situación de vulnerabilidade, para os 155 usuarios que ten en Poio.

“Estamos a desenvolver unha política transversal e ambiciosa na área social, cunha elevada cantidade de fondos e numerosos programas, tal e como se pode comprobar no Concello de Poio, que é un dos que recibe máis recursos para os servizos sociais”, apuntou o delegado territorial. O representante provincial da Xunta en Pontevedra concluíu que “as nosas aportacións e o noso compromiso son extensibles a todos os municipios da provincia, que están a recibir un forte apoio da Xunta, xa que se trata dunha das nosas prioridades que, ademais, temos reforzado polos efectos da pandemia”.
 

Imaxes relacionadas