A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu o acto de sinatura da recepción entre a dirección da obra da Xunta e a empresa adxudicataria

A Xunta remata a nova estación de autobuses da intermodal de Santiago mentres ultima as obras da pasarela, culminando neste mes de marzo un investimento autonómico de 12 M€

No que respecta á pasarela, estase cos traballos de instalación do ascensor, que marcarán o final das obras da estación intermodal por parte da Xunta

O traslado da actividade á nova terminal está pendente de que o Concello de Santiago formalice os contratatos dos servizos necesarios, como limpeza, seguridade ou información

Para completar a estación intermodal é necesario que o Ministerio de Transportes elimine a cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros e acometa as obras da parte ferroviaria, imprescindibles para a cidade e o seu futuro

A Xunta avanza para licitar este mes a demolición da actual terminal de autobuses, cun investimento de case 1,5 M€, co obxectivo de poder comezar as obras no verán

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia asinou hoxe a acta de recepción das obras da nova estación de autobuses de Santiago de Compostela, ao tempo que avanza no remate, neste mesmo mes de marzo, das obras da pasarela.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presidiu a sinatura do documento de recepción da estación de autobuses da intermodal entre a dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, Acciona Construcción S.A, unha infraestrutura que engloba o edificio de viaxeiros e as dársenas de autobuses.

Coa nova terminal de autobuses xa acabada e recepcionada no día de hoxe, e cos últimos remates dos traballos que se están a executar na pasarela, concluirase unha das grandes obras proxectadas na cidade nos últimos anos.

Estas actuacións, tanto a estación de autobuses, como a pasarela que confinancian a Xunta, o Concello e ADIF, supoñen un orzamento total de 16 millóns de euros, dos cales o Goberno galego achega máis de 12 millóns. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Neste mesmo mes de marzo quedarán finalizadas tamén as obras da pasarela, que está a executar a Xunta, na que resta a instalación do ascensor, no que se traballa actualmente.

Estes traballos marcarán, polo tanto, o final das obras da estación intermodal de Santiago por parte da Xunta, quedando pendente para a posta en servizo da nova infraestrutura só que o Concello de Santiago formalice os contratos dos servizos necesarios para o correcto funcionamento da estación, como limpeza, seguridade ou información.

Para completar a estación intermodal é preciso que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana elimine a cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros é acometa as obras da parte ferroviaria, imprescindibles para a cidade e o seu futuro, unha vez que a Xunta cumpriu cos seus compromisos.

A Xunta segue a traballar para, de xeito paralelo á posta en servizo da nova estación de autobuses, avanzar na demolición da actual terminal. Neste sentido, a finais de xaneiro aprobouse o proxecto de demolición da actual estación de autobuses de Santiago, e a previsión é licitar as obras xa neste mesmo mes de marzo, cun investimento de case 1,5 M€.

Esta actuación da Xunta está cofinanciada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A Xunta traballa co obxectivo de comezar os traballos de demolición no verán, que contan cun prazo de execución de 3 meses, e ter demolida a actual terminal de autobuses este mesmo ano. O obxectivo é poder liberar a parcela da actual estación, que se destinará á construción da Cidade de San Caetano, o futuro complexo administrativo.

Facer cidade

A nova estación intermodal transformará o acceso ao transporte público na cidade e en toda a área de Santiago, fomentando o seu uso e facilitando un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos.

A estación intermodal de Santiago será un soporte para a mellora do transporte público que está a supoñer a recente renovación por parte da Xunta de todas as concesións de autobús.

As instalacións tamén contribúen a facer cidade en Santiago, poñendo á disposición dos veciños e dos viaxeiros un gran miradoiro sobre o Sar e unha nova rúa que, con forma de pasarela, superará a barreira histórica entre dous barrios da cidade, separados polas vías do tren.

A estación intermodal tamén contribuirá a reforzar o atractivo da capital de Galicia ante o Xacobeo e preparará a cidade para a chegada do AVE.

Imaxes relacionadas